· Juan Carlos Rodríguez Matías tiña que presidir a Corporación municipal desde xuño, “pero xa transcorreron máis de cinco meses e non vemos predisposición por parte da alcaldesa”, a socialista Isabel Gil
· Os populares de Ramirás pasarán a ser oposición “e votaremos a favor, en contra ou absterémonos en función do que sexa mellor para a veciñanza e o concello”, di Rodríguez Matías
· A dirección provincial do PP expresou o seu “firme apoio” ao grupo municipal popular, “que ata o último momento e moito máis aló do previsto tentou que se cumprira co pactado, como eles fixeron respectando sempre o acordo de goberno”
O Partido Popular de Ramirás anuncia a ruptura do pacto de goberno alcanzado co PSOE tralas eleccións municipais de 2023, polo que ambas formacións acordaron senllos períodos de dous anos á fronte da alcaldía. Segundo este pacto, o portavoz popular Juan Carlos Rodríguez Matías tiña que presidir a Corporación municipal desde xuño, “pero xa transcorreron máis de cinco meses e non vemos predisposición por parte da alcaldesa -a socialista Isabel Gil- e só continuas escusas para evitar o relevo”.
En consecuencia, dixo Rodríguez Matías, o PP de Ramirás pasará a ser oposición “e votaremos a favor, en contra ou absterémonos en función do que sexa mellor para a veciñanza e o concello”.
O concelleiro popular lembrou que nas eleccións locais de maio de 2023 rexistrouse un triplo empate entre PP, PSOE e BNG, obtendo cada formación tres concelleiros. “Sempre estivemos abertos a falar con socialistas e nacionalistas, aínda que as negociacións non foron doadas”, sinala Juan Carlos Rodríguez.
Tras descartar a opción co BNG, o pacto alcanzado co PSOE tiña como principal acordo o relevo na alcaldía aos dous anos de mandato, ademais de incluír a dous concelleiros do PP na Comisión de Goberno. Isabel Gil comezou a primeira quenda, “xa que ao estar gobernando nos catro anos anteriores podería así rematar algúns proxectos que tiña en marcha, como o centro de día”, explicou o portavoz do PP.
O 30 de xuño, desvelou Rodríguez Matías, comezaron os contactos para iniciar o relevo, tal e como estaba fixado, “pero desde entón só seguimos escoitando máis escusas sobre a apertura do centro para maiores”.
En setembro, o grupo municipal do PP esixiu que se convocara o pleno para dar conta do cese de Isabel Gil á fronte da alcaldía, iniciando así o relevo. “Dábanos igual quince días arriba ou abaixo, pero o escrito de convocatoria non chegou”. Esta situación, “unida á ausencia de reunións da Comisión de Goberno”, levou finalmente aos populares de Ramirás a romper o pacto de goberno cos socialistas e iniciar unha nova etapa na oposición.
“FIRME APOIO” DA DIRECCIÓN PROVINCIAL
A dirección provincial do PP expresa o seu “firme apoio” ao grupo municipal popular de Ramirás, “que ata o último momento e moito máis aló do previsto tentou que se cumprira co pactado, como eles fixeron respectando sempre o acordo de goberno”.
Ante a complexa situación derivada dos resultados das eleccións municipais en 2023, os concelleiros do PP tiñan moi claro o seu obxectivo, destaca a dirección provincial: “Conseguir o acordo máis vantaxoso para o Concello e os seus habitantes, garantindo a gobernabilidade”.



