HomeO MorrazoMarínO BNG logra o apoio necesario no congreso para iniciar a apertura...

O BNG logra o apoio necesario no congreso para iniciar a apertura de Marín ao mar

- Anuncio -spot_img

Lucía Santos salienta que a recuperación do litoral non afectará nin á ENM nin ao Porto, nin tampouco aos postos de traballo vinculados a estas institucións. Ademais, fai un chamamento aos grupos municipais do PP e do PSOE —que no seu momento non apoiaron a proposta— para que apoien esta iniciativa e se poñan do lado da veciñanza

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Marín amosa a súa satisfacción tras ser aprobada no Congreso dos Deputados a iniciativa para abrir Marín ao mar, presentada polo deputado do BNG Néstor Rego e impulsada desde o propio grupo local, que leva anos defendendo a recuperación de espazos do litoral para beneficio da cidadanía.  

Lucía Santos, a voceira da formación nacionalista, subliña que este avance é de especial importancia para Marín, pois, despois de décadas de reivindicacións, recoñécese por fin a necesidade de recuperar espazos do litoral para uso público. Santos lembra que a actuación non iría en detrimento nin da Escola Naval Militar (ENM) nin do Porto, e insiste en que non se verían afectados os postos de traballo vinculados a estas institucións, dado que se trata de espazos prescindibles que poden ser cedidos sen interferir nas súas funcións nin nas actividades socioeconómicas que desenvolven.

A iniciativa presentada na Comisión de Defensa solicita ao Goberno do Estado a cesión de terreos pertencentes á ENM e á Autoridade Portuaria para seren transformados en espazos públicos abertos ao uso e desfrute da veciñanza. A aprobación da proposta no Congreso supón un impulso institucional que insta ao Executivo a iniciar os trámites necesarios para avanzar na recuperación do litoral de Marín.

Lucía Santos fai un chamamento aos grupos municipais do PP e do PSOE —que no seu momento non apoiaron a proposta— e, de maneira especial, ao goberno local, para que respalden esta iniciativa e superen un posicionamento que, ata o de agora, priorizou de forma inxustificada unha defensa pechada da ENM e do Porto por riba do interese xeral da veciñanza. Pídelles colaboración para impulsar un proxecto necesario, con capacidade para transformar o futuro do noso concello e contribuír ao benestar e á dinamización da vila. Lembra tamén que, cando existe traballo serio, rigoroso e vontade política, as “utopías” poden converterse en realidade.

Grazas ao labor do deputado do BNG, Néstor Rego, e ao compromiso do grupo municipal de Marín, ábrese así unha nova etapa para a nosa localidade, marcada pola oportunidade de recuperar espazos costeiros hoxe desaproveitados sen comprometer en ningún momento o funcionamento nin o desenvolvemento da Escola Naval Militar nin da Autoridade Portuaria.

Publicacións Relacionadas