HomePontevedraCaldasA Deputación pon en valor en Portas a figura de Concepción Pérez...

A Deputación pon en valor en Portas a figura de Concepción Pérez Iglesias no faladoiro da nova edición do programa provincial Aquí faltan páxinas

- Anuncio -spot_img

“Foi a primeira alcaldesa de Portas pero tamén a primeira Galicia”, subliñou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, quen tamén recordou que no seu mandato “construíu escolas, mellorou as comunicacións e nomeou un médico e matrona, demostrando que as mulleres, cando gobernamos, temos moi claro onde están as prioridades”

A figura de Concepción Pérez Iglesias acaba de protagonizar na Casa da Cultura de Portas un dos faladoiros da terceira edición do programa provincial Aquí faltan páxinas, a iniciativa coa que o organismo está a rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. No acto, no que participou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e tamén o alcalde de Portas e deputado provincial, Ricardo Martínez, tomaron a palabra Concha, Carlos e Sinda Méndez Domínguez e Rebeca López Méndez, netos e bisneta de Concepción Pérez Iglesias, que recordaron a traxectoria dunha muller que, nada en Santiago de Compostela, chegou a  Portas en 1907 para dirixir a Escola feminina, asentándose en Lantaño.

En 1925, tal e como subliñou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, uniuse como edil ao goberno local de Portas pero, trala renuncia do alcalde, acaba sendo escollida alcaldesa. “Foi a primeira alcaldesa de Portas e a primeira de Galicia e no seu mandato, que durou cinco anos, construíu escolas, mellorou as comunicacións da vila e nomeou un médico e matrona, demostrando que as mulleres, cando gobernamos, temos moi claro onde están as prioridades”. Ao respecto, a deputada subliñou que “Doña Concha simboliza o acceso das mulleres á política nunha época marcada pola ditadura de Primo de Rivera” e fixo fincapé na importancia de recuperar a historia “de grandes mulleres coma ela, para construír referentes para as nosas nenas e mozas”.

A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Xa se organizou un faladoiro sobre as alfombristas, outro sobre Juaniña do Porriño, sobre as nais contra a droga e, tralo que acaba de celebrarse sobre Dona Concha en Portas, seguirán outros moitos para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da bióloga Marisol Soengas, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.

Publicacións Relacionadas