No proceso adxudicáronse un total de 21 vacas de raza frisoa cun valor medio de 3.800 euros +IVA
A Deputación de Pontevedra acaba de celebrar con éxito na Finca Mouriscade a cuarta poxa de animais de gandería coa participación de 31 empresas da provincia así como doutros puntos de Galicia. Na poxa vendéronse un total de 21 vacas de raza frisoa que contaban cun prezo de saída de 1.750 euros, chegando a un valor medio de 3.800 euros+IVA.
En canto ás empresas participantes na poxa organizada en Mouriscade, a maioría proviñan do concello de Lalín, aínda que tamén se presentaron firmas doutros puntos da provincia, como Rodeiro e Silleda. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Sarria, O Páramo, Chantada, Castroverde, Baleira, Monterroso e Portomarín en Lugo; ou Santa Comba, na Coruña.
A granxa da Finca Mouriscade é a segunda mellor explotación gandeira de toda España. En catro anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 2 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais, e no terceiro por mérito económico. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional.
As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética da gandería e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia.



