HomeXunta de GaliciaÁngeles Vázquez lamenta a parálise do sector eólico en Galicia por unha...

Ángeles Vázquez lamenta a parálise do sector eólico en Galicia por unha situación xudicial que contrasta cos criterios do Tribunal Supremo e da Xustiza Europea

- Anuncio -spot_img
  • A conselleira advirte de que o parón actual das renovables pon en risco o desenvolvemento de Galicia, perdendo investimentos e postos de traballo, e dificulta que a comunidade poida ser unha rexión neutra en emisións á atmosfera
  • A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembra que os técnicos realizan as avaliacións ambientais de xeito rigoroso, libre e independente e cumprindo a normativa vixente, tal como acreditaron os tribunais español e europeo
  • O Goberno galego subliña que a situación actual non se dá noutras autonomías, xerando unha inseguridade xurídica permanente e un bloqueo do sector sen precedentes

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lamentou hoxe a situación de parálise que sofre o sector eólico como consecuencia das resolucións xudiciais en Galicia contra o desenvolvemento de novos proxectos, que contrastan coa doutrina marcada tanto polo Tribunal Supremo como pola Xustiza europea.

A responsable autonómica lembrou que ambas instancias avalan a tramitación dos proxectos eólicos que realiza a Xunta mentres que numerosas resolucións emitidas en Galicia suspenden a súa implantación baseándose en distintos argumentos.

Ángeles Vázquez respondeu unha interpelación no Parlamento onde censurou que a parálise actual na implantación das renovables pon en risco o desenvolvemento de Galicia -perdendo grandes investimentos e postos de traballo- e dificulta que a comunidade poida ser pronto unha rexión neutra en emisións á atmosfera.

A conselleira aseverou que esta situación favorece que as empresas miren cara a outros territorios para desenvolver os seus proxectos e que, sen as renovables, non se poida materializar o interese público superior que ten a industria eólica a nivel europeo para avanzar no eido da descarbonización e a neutralidade climática.

A representante do Executivo galego incidiu en que a situación que se vive agora mesmo en Galicia non se dá en ningunha outra comunidade española, o que xera unha situación permanente de inseguridade xurídica e un bloqueo do sector sen precedentes.

Traballo rigoroso

Neste sentido, a conselleira lamentou que se está a anular ou cuestionar de xeito permanente o labor dos técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que realizan as avaliacións ambientais dos proxectos eólicos “de xeito rigoroso, libre e independente”. De feito, incidiu, máis dun terzo das iniciativas deste tipo recibidas pola Xunta entre os anos 2022 e 2024 recibiron unha avaliación ambiental desfavorable, o que dá mostra dese rigor técnico.

Ademais, destacou, o seu traballo está avalado polas catro sentenzas do Tribunal Supremo -ante recursos do Executivo galego a outros tantos fallos galegos- que din que a tramitación ambiental realizada por Galicia neste eido é impecable. Esa visión foi referendada en agosto deste ano polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que se pronunciou determinando que a tramitación ambiental da Administración galega para a implantación de eólicos é correcta e acorde ao que establece a normativa comunitaria.

Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático asegurou que a Xunta vai seguir defendendo nos tribunais a tramitación ambiental dos proxectos eólicos posto que se fai dando plenas garantías a todas as partes. A situación de parálise actual, concluíu, pon en risco moitos investimentos e que Galicia perda o tren do desenvolvemento das renovables e da descarbonización da economía.

Publicacións Relacionadas