— O Goberno galego reitera ao Executivo estatal a súa total disposición para chegar a unha proposta consensuada e avalada por ambas as partes que permita asinar un novo convenio e completar as prazas vacantes na Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia
— A Xunta amosa a súa preocupación ante a falla de vontade do Ministerio, que está a provocar a redución de axentes e poñendo en perigo a prestación de servizos
— Nun encontro no que participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, advertiuse aos representantes do Goberno central de que, coa baixada de efectivos e ausencia de diálogo, non será posible garantir a prestación dos servizos que non sexan de competencia autonómica, que deberán ser asumidos polo Ministerio
O conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou que a Xunta vén de trasladar de novo ao Goberno central a preocupación ante a falla de vontade para acadar un acordo que permita cubrir o cadro de persoal da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), actualmente con 338 axentes. Unha falla de diálogo que, lamentou, imposibilita avanzar na sinatura dun novo convenio para cubrir as prazas pendentes e completar o cadro de 500 axentes, poñendo en perigo a prestación dos servizos.
Diego Calvo confirmou que nun encontro no que participou onte o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, comunicouse aos representantes do Goberno central a total disposición da Xunta para avanzar nas negociacións e acadar un acordo avalado por ambas as partes. Tamén nesta reunión se advertiu que, ante a baixada de efectivos, non é posible garantir a prestación de servizos que non son competencia autonómica e, polo tanto, deberá facerse cargo deles o Ministerio do Interior, como autoridade competente.
É o caso da protección en casos de violencia de xénero, servizo de competencia exclusivamente estatal e no que a Xunta vén colaborando desde 2016, en base a un acordo de colaboración. As Policías Adscritas doutras comunidades non prestan esta protección como se fai en Galicia, motivo polo que o Goberno Galego cre que o Executivo estatal ten motivos máis que suficientes para chegar a un acordo consensuado coa Xunta, dado que está a colaborar con servizos que corresponden ao Estado.
O Goberno galego agarda que o Ministerio do Interior reflexione e haxa dialogo para avanzar nas negociacións. Neste senso, o conselleiro insistiu en que non é vontade da Xunta que a UPA reduza funcións, pero, de seguir a diminución de efectivos e non contar coa colaboración por parte do Goberno central, están abocando á que a Unidade só poida asumir a prestación dos servizos de competencia autonómica. Nesta liña, o Goberno Galego agarda unha resposta do Ministerio para poder avanzar na toma de decisións e desbloquear esta situación que Galicia, desde logo, non quere.
Nove meses á espera de resposta
Galicia leva nove meses á espera dunha resposta á proposta formulada polo Goberno galego para asinar un novo convenio e cubrir as vacantes. Dita proposta consiste en que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais, e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as condicións do Ministerio.
Estes foron os termos trasladados ao ministro de Interior o pasado mes de febreiro, nun encontro no que participaron tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Presidencia, pero non houbo un pronunciamento ao respecto por parte do Executivo estatal.
Actualmente o Estado paga os salarios e a comunidade a produtividade dos policías e resto de custes de funcionamento da unidade policial, mentres que agora se exixe asumir as nóminas ao 50% e que os gastos de funcionamento sigan correndo a conta da Xunta, o que supón multiplicar por tres o orzamento autonómico destinado á UPA.
Nestas circunstancias, o Goberno galego viuse abocado a reducir os efectivos da Unidade da Policía Nacional Adscrita en edificios administrativos.



