Santiago Freire critica “a dobre moral do Goberno de Noia, pois tras revisar as facturas presentadas nos últimos anos compróbase que todos os grupos municipais xustificaron gastos de hostalería e outros servizos con cargo ás achegas aos grupos políticos municipais”
O voceiro popular sinala que “chama moito a atención que tanto o PSOE como a Marea xustificasen gastos con facturas emitidas por empresas vinculadas directamente con ambas agrupacións políticas”
O voceiro e presidente local do PP de Noia, Santiago Freire, á fronte dos concelleiros do grupo municipal popular, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que deu conta das facturas presentadas polo PSOE e a Marea Cidadá de Noia para xustificar as achegas que o Concello noiés fai cada ano aos grupos políticos municipais. Unha análise que demostra que todos os partidos políticos con representación no Concello de Noia xustificaron gastos de hostalería e outros servizos con cargo ás achegas correspondentes aos grupos políticos municipais.
Santiago Freire critica “a dobre moral do Goberno de Noia, pois tras revisar as facturas presentadas nos últimos anos compróbase que todos os grupos municipais xustificaron gastos de hostalería e outros servizos con cargo ás achegas aos grupos políticos municipais”. Unha realidade que “confirma o que levamos dicindo dende o primeiro momento dende o Partido Popular: que ningunha desas facturas foi emitida ao Concello de Noia, como se quixo facer crer dende o Goberno de PSOE e Marea, e que todos os grupos políticos municipais presentaron facturas semellantes”.
Así, o PP de Noia presentou diante dos medios de comunicación algunhas das facturas que tanto PSOE e Marea entregaron á intervención municipal e que inclúen pinchos, canapés, pasteis, viños, cervexas, táboas de queixo e embutidos, menús… por importes que van dende os 90 ata os 650 euros.
Facturas de empresas relacionadas co partido
Por outra banda, da análise pormenorizada das facturas presentadas para xustificar esas achegas aos grupos políticos municipais “chama moito a atención que tanto o PSOE como a Marea xustificasen gastos con facturas emitidas por empresas vinculadas directamente con integrantes de ambas agrupacións políticas”, sinala o voceiro municipal popular, quen apunta a que “o intercambio de facturas de empresas vencelladas á Marea cara o grupo municipal socialista e viceversa, de sociedades vinculadas ao PSOE cara o grupo da Marea superan os 7.000 euros”.
Así, hai constancia documental de que empresas vinculadas á Marea Cidadá de Noia cobraron máis de 2.400 euros ao grupo municipal socialista en concepto de asesoramento de comunicación; mentres que empresas vencelladas ao actual alcalde fixeron o propio co grupo municipal da Marea por un importe superior aos 2.800 euros. A maiores, o PP constatou que empresas vinculadas á Marea Cidadá de Noia emitiron tamén facturas para xustificar gastos do seu propio grupo municipal por preto de 2.000 euros. Unhas prácticas que demostran tamén que ambos partidos levan traballando conxuntamente moitos anos antes da moción de censura.



