HomeA CoruñaA CoruñaO carismático líder e fundador de Wilco, Jeff Tweedy, actuará o 8...

O carismático líder e fundador de Wilco, Jeff Tweedy, actuará o 8 de febreiro no Teatro Colón

- Anuncio -spot_img

O pioneiro do alt-country presentará o seu novo traballo en solitario ‘Twilight Override’

Jeff Tweedy, recoñecido líder da banda Wilco, actuará no Teatro Colón o vindeiro 8 de febreiro para presentar o seu novo traballo en solitario: ‘Twiling Override’. O fundador e líder de Wilco, pioneiro do alt-country con Uncle Tupelo, é sen dúbida un dos compositores máis reputados e influentes do rock estadounidense contemporáneo, un tótem do rock de raíces cunha das voces máis recoñecibles da escena e unha sólida carreira ás súas costas. “Non quixemos perder a ocasión de traer á cidade a todo un referente da música alternativa, na súa única actuación en Galicia”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, quen recordou a aposta que fai o Goberno de Inés Rey por unha programación ampla e con variedade de estilos musicais.

Dentro da súa exclusiva xira europea, que pasará só por contadas capitais, Jeff Tweedy chega por primeira vez en solitario á Coruña co seu novo traballo e un repertorio que celebra décadas de cancións inesquecibles. Unha traxectoria marcada pola honestidade lírica, o intimismo sonoro e unha capacidade innata para emocionar sen artificios. Tweedy demostrou que non necesita espaventos para conquistar ao público. A súa figura de artista próximo e profundamente humano é tan icónica como as súas letras, que oscilan entre o cotián, o melancólico e o espiritual.

Este concerto forma parte dunha xira moi especial onde o seu novo disco en solitario convivirá con xoias de distintas etapas da súa carreira. Será unha velada íntima, sincera e profundamente emocional onde poderemos gozar de novas cancións e clásicos da súa discografía con Wilco e Uncle Tupelo, interpretados coa autenticidade que só Tweedy pode ofrecer.

A súa voz cálida, as súas letras introspectivas e o seu estilo desposuído converterán o concerto nunha experiencia única para os amantes do rock de raíces, o folk e a canción de autor. Unha cita imperdible para os seguidores do rock independente e a canción americana contemporánea.

O concerto forma parte do Underfest Xacobeo, festival que se atopa en proceso de expansión por distintos espazos de Galicia, e conta coa colaboración do Concello da Coruña.

Publicacións Relacionadas