Emprazadas a carón do CPI Antonio Orza Couto (O Forte) e da residencia de maiores de Codeso
O Concello vén de construír as dúas primeiras áreas de composteiros comunitarios no municipio, emprazados nas parroquias do Forte (a carón do CPI Antonio Orza Couto) e Codeso (ao lado da residencia de maiores). Unha actuación na que investiu máis de 25.000 euros.
O alcalde Ovidio Rodeiro explica que “trátase dun paso máis adiante na nosa campaña de promoción da compostaxe doméstica na que levamos repartido case un milleiros de composteiros entre a veciñanza. A nosa intención é minimizar a xeración de residuos e concienciar á xente da importancia da reciclaxe e dos seus beneficios a nivel ambiental, social e mesmo económico, pois poden transformar os seus refugallos orgánicos nun compost de calidade que pode reutilizarse como abono”.
Con esta acción, a veciñanza contribúe a diminuír os residuos enviados a vertedoiros, promovendo así unha economía circular. “Os composteiros están situados nos lugares que máis fracción resto producen”, sinala Ovidio Rodeiro pero, ademais, ofrecen tamén unha nova vía de reciclaxe da materia orgánica a aqueles veciños e veciñas que viven en bloques de pisos ou que non dispoñen dun terreo onde valorizar eses residuos.



