HomeA CoruñaO PSdeG de Santiago, a UGT Compostela-Barbanza e a Fundación Luis Tilve...

O PSdeG de Santiago, a UGT Compostela-Barbanza e a Fundación Luis Tilve homenaxean a Manuel Maroño fronte a quen “quere borrar a memoria”

- Anuncio -spot_img

O deputado socialista e secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, reclama ao PP “apostar pola convivencia e deixar de crispar”

O Partido Socialista de Santiago de Compostela, a UGT Compostela-Barbanza e a Fundación Luis Tilve celebraron este xoves no cemiterio de Boisaca un acto de homenaxe ao socialista e sindicalista Manuel Maroño Calvo, fusilado o 3 de decembro de 1936. As tres entidades reivindicaron xuntas o seu legado fronte a quen “quere borrar a memoria, revisar a historia ou relativizar a represión”.
O acto contou coa presenza de Aitor Bouza, secretario xeral do PSdeG compostelán e deputado autonómico; Marisa Rodríguez, secretaria xeral da UGT Compostela-Barbanza; e Guillerme “Yeyo” Pérez Agulla, director da Fundación Luis Tilve. Todos eles participaron na lectura do manifesto e na ofrenda floral ante o muro dedicado aos fusilados de Boisaca.
Aitor Bouza: “O PSOE estivo sempre ao lado da democracia e dos dereitos humanos”
Durante a súa intervención, Aitor Bouza lembrou que Maroño, “referente do socialismo” en Santiago, foi fusilado “por defender ideas que buscaban, nin máis nin menos, que a xente puidese vivir en liberdade, en dignidade e que, sobre todo, a clase obreira puidese ter dereitos”.

Bouza vinculou a vixencia do legado de Maroño co actual debate sobre a memoria democrática e coas propostas do PP no Parlamento galego acerca da “suposta neutralidade ideolóxica”. Nesa liña, afirmou:
“Non sabemos se esa neutralidade ideolóxica á que se refire o PP é calar aos que si temos ideoloxía, aos que si temos ideas e aos que si pensamos que pode haber un mundo máis xusto”.
En resposta ás declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre o “espírito da Transición”, Bouza defendeu o compromiso histórico dos socialistas coa democracia:
“O PSOE estivo sempre do lado da democracia e da defensa dos dereitos humanos. Outros partidos teñen no seu propio legado un fundador que viña de onde viña”, engadiu, apelando a Rueda a “mirar a súa propia historia”.
O deputado socialista reclamou ao PP que abandone a confrontación e se comprometa coa convivencia:
“Hai que apostar porque a convivencia sexa efectiva e deixar de crispar, como está a facer o PP, cun Núñez Feijóo desbocado e pactando cunha ultradereita que quere acabar cos principios de pluralismo, diversidade e democracia para volver aos tempos do golpe de Estado e do franquismo máis duro”.
A lectura do manifesto: tres organizacións, unha mesma memoria
A UGT Compostela-Barbanza, a Fundación Luis Tilve e o PSdeG deron lectura ao manifesto dedicado a Manuel Maroño, lembrando o seu papel no movemento obreiro compostelán, a súa responsabilidade á fronte da Federación Local de Sociedades Obreiras e da Agrupación Socialista de Santiago, e o seu compromiso coa liberdade e coa xustiza social.

O texto destacou que Maroño foi “un traballador, un sindicalista e un socialista que dedicou a súa vida á defensa da dignidade laboral e da liberdade” e que a súa condena á morte chegou “unicamente por defender a democracia e a clase traballadora”.
As tres entidades chamaron a manter viva a memoria democrática fronte a quen pretende diminuíla ou revisala.
Compromiso compartido para 2026
Para o ano 2026, cando se conmemora o 90 aniversario do fusilamento de Maroño, as organizacións anunciaron a colocación dunha placa conmemorativa no cemiterio de Boisaca. O obxectivo é que “todas as xeracións” poidan lembrar as persoas represaliadas e garantir que o golpe de Estado e a represión non queden “impunes” na memoria colectiva.
O acto concluíu cunha ofrenda floral por parte do PSdeG, da UGT Compostela-Barbanza e da Fundación Luis Tilve, reafirmando o seu compromiso de preservar a memoria democrática e o legado de Manuel Maroño Calvo.

Publicacións Relacionadas