HomeA CoruñaO Concello reforza o servizo municipal de BiciCoruña nos barrios do Ensanche...

O Concello reforza o servizo municipal de BiciCoruña nos barrios do Ensanche e a Pescaría, que incorporan dúas novas estacións

- Anuncio -spot_img

Ademais, este xoves completáronse os traballos para a posta en funcionamento da primeira base de San Pedro de Visma. As persoas usuarias de BiciCoruña xa poden facer uso dela desde esta mañá

O Concello traballa estes días para reforzar o servizo municipal BiciCoruña, inmerso nun ambicioso plan de expansión co que o Goberno de Inés Rey busca ampliar a dotación de bases nos dez distritos da cidade para, desta forma, facilitar á cidadanía o uso de vehículos alternativos e emisións cero nos seus desprazamentos pola Coruña.

O incremento do número de estacións ao longo desta semana xa foi visible onte, coa posta en rúa de tres novas bases no barrio dos Mallos (rúa Eusebio da Guarda e a carón do centro cívico) e tamén en Monte Alto, a carón do mercado municipal. Estas tres estacións habilitaranse proximamente, cando se completen as probas técnicas habituais.

Xa hoxe, xoves, o Concello instalou outras dúas bases máis nos barrios do Ensanche (rúa Alfredo Vicenti) e da Pescaría (rúa Cordelería), ampliando así a dotación existente nestas zonas da cidade, puntos de destino habitual das persoas usuarias do servizo por desprazamentos laborais, por exemplo.

A primeira base de San Pedro de Visma, xa activa e dispoñible para o seu uso

A quenda de traballos efectuada esta mañá polo persoal de BiciCoruña tamén incluíu a posta en funcionamento da primeira base de San Pedro de Visma, habilitada a carón do centro cívico do barrio e xa dispoñible para o seu uso desde este xoves.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que, no caso desta base, “foi preciso executar previamente unha obra civil de adecuación no lugar de
Entrecasas, para dispor a base na localización escollida”. A isto sumáronse, xa posteriormente, as tarefas de acometida eléctrica e testeo do software do sistema, necesarias para probar as estacións antes de poñelas en marcha e incorporalas ao servizo.

Tamén os traballos de pintado e sinalización horizontal na calzada. “Agora, a base xa está lista para que as persoas usuarias fagan uso dela”, agregou Díaz.

A nova base de San Pedro de Visma conta con subministro eléctrico e ten 19 ancoraxes.

Publicacións Relacionadas