A “Carpa Roxa”, un dos centros neurálxicos do Nadal en Compostela, abrirá mañá as súas portas, cunha intensa axenda con máis de trinta actividades diferentes. A concelleira de Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e a concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, presentaron hoxe a programación, que inclúe moitas propostas musicais, sesións de cine, maxia ou diferentes obradoiros infantís.
O Nadal chega á “Carpa Roxa” con ducias de actividades relacionadas coa música, o cine, a maxia ou os obradoiros infantís
A concelleira de Comercio insistiu en que a programación de Nadal do Concello de Santiago “aposta pola participación activa dos composteláns e compostelás, con moitas actividades para todos os gustos”. María Rozas explicou que “isto é clave tamén para a dinamización comercial, porque paseando a cidade é como a veciñanza se anima tamén a facer as súas compras de Nadal no comercio local”. Pola súa parte, a concelleira de Acción Cultural apuntou que “este ano incrementamos a participación do departamento de Cultura nunha programación que aposta claramente polo talento compostelán e pola posta en valor da vida artística de Santiago”. Nese sentido, Miriam Louzao apuntou que á participación de artistas locais en propostas como o Son Xove, “engádese a colaboración con entidades compostelás como Numax, a Semente, o Faiado de Nin ou o proxecto de improvisación teatral O Colectivo do Flow”.
A música, protagonista na “Carpa Roxa”
Na programación da “Carpa Roxa” terá un especial protagonismo a música, con propostas que tiveron moi boa acollida en anos anteriores ás que se incorporan algunhas actividades novas.
Así, as bandas dos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga volverá protagonizar o ciclo de concertos Son Xove. O primeiro deles será o venres 12, cunha Jam de Nadal na que subirán ao escenario, mesturadas, diferentes bandas do Centro Xove para ofrecer versións de temas coñecidos polo gran público. No xoves 17, o concerto correrá a cargo de Xalundes e W3ird Nois3; o venres 18 será o turno de Patrik e Paula Ferraz; e o 26 de decembro pecharán o ciclo Bareixa e Allo Negro. Todos os concertos comezarán ás 20.00 horas.
Nos sábados, volverán tamén os concertos de artistas e grupos galegos no Son Vermú, sempre ás 13.00 horas. O primeiro será este sábado, día 7, coa cantante e compositora ferrolá Lola India. Despois dela virán o grupo de música tradicional Unto Vello, o día 13; Sofía Espiñeira co seu novo disco Xeografías, o día 20; e Laura Lamontagne, o 27 de decembro. O último Son Vermú, o 3 de xaneiro, correrá a cargo da artista viguesa Law, que presentará o seu primeiro traballo, “Esencial”.
A estas propostas musicais xa consolidadas dos venres e dos sábados, engádese este ano unha novidade: o ciclo “Eh!.. domingo!”, diferentes espectáculos participativos que chaman á diversión e sobre todo ao baile. Todas as sesións serán ás 18.00 horas.
A primeira cita será este mesmo domingo, día 7, coa “Discoteca de señoras… e señores tamén” que ofrece festa e danza participativa da man da bailarina e directora escénica Marta Alonso. Nesta sesión, a proposta contará coa colaboración musical de Camille, e a discoteca regresará o domingo 28 de decembro, desa vez coa participación de Señora DJ. O ciclo “Eh!.. domingo!” contará tamén co dúo Eva e Camilo, o 14 de decembro; mentres que os domingos 21 de decembro e 4 de xaneiro a proposta xirará ao redor dun singular bingo musical, especial Lotaría de Nadal e especial Reis, que animarán a todas as persoas participantes a competir ao redor de temas musicais.
Ainda no apartado musical, pola “Carpa Roxa” pasarán tamén o grupo de corda compostelán Suzukiños, nun concerto previsto para o domingo 21 ás 12 do mediodía; e a banda viguesa Broken Peach, cun concerto especial de Nadal o martes 23, ás 18.00 horas.
Impro, maxia e cine na “Carpa Roxa”
Ademáis da música, a programación da “Carpa Roxa” mantén outras propostas que tiveron moi boa acollida en anos anteriores, como as sesións de impro. A primeira delas será xa mañá, 5 de decembro, a cargo do Colectivo do Flow, formado por Pedro Placer, Carlota Mosquera, Antía Costas, Sergio Alfonso Agra, Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco. No seu espectáculo, que comezará ás 18.00 horas, daranlle voz a elementos do Nadal que habitualmente non teñen voz propia, desde os alimentos típicos destas datas ata os adornos cos que decoramos as nosas casas. O Colectivo do Flow repetirá na “Carpa Roxa” o 27 de decembro.
Tamén volve á programación da “Carpa Roxa” a maxia, coas actuacións de Dani Polo, este sábado 6, ás 18.00 horas; e o Mago Rafa, o domingo 14, ás 12.00 horas.
Como novidade, este ano haberá cine na “Carpa Roxa” con dúas sesións de curtametraxes da man de Numax. A primeira delas, o 22 de decembro, estará dirixida ao público infantil, cunha selección de cinco curtas que se poderán ver entre as 18.00 e as 20 horas: Operación Papá Noel, A zorra, Aurora boreal e Merry Grandmas. O luns 19, proxectarase tamén unha selección de catro curtametraxes galegas para público non infantil: Pura, de Carmen Méndez; Alboroque, de Sabrina Fernández, Platónico Platónica, de Xacio Baño; e Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil.
Outras propostas
A programación da “Carpa Roxa” complétase cun obradoiros de baile tradicional que rematará cunha foliada aberta, o sábado 20 de decembro; e outro obradoiro de danza de Reis, o venres 2 de xaneiro; ambos a cargo de Artur Puga. Haberá tamén numerosos obradoiros infantís, e nas inmediacións da “Carpa Roxa” quedará instalado o Tren de Nadal que funcionará de balde para nenos e nenas, a partir do 12 de decembro.
Ademais, o departamento de Comercio volverá instalar este ano a ruleta de Agasallos “Eu Merco Aquí” na Carpa Roxa, o sábado 13 de decembro. Con ela, poderánse conseguir numerosos regalos, presentando un tíquet de compra no comercio local por un importe mínimo de 5 euros. Haberá outra oportunidade para participar na ruleta o 3 de xaneiro, xa na carpa da Alameda en Xogo.



