- As actividades pensadas para os pequenos da casa invaden a axenda para este Nadal
Xa cheira a Nadal! Co mes de decembro chegan as ganas de desfrutar estas festas tan especiais, por iso, este ano o Concello da Guarda presenta unha programación pensada especialmente para as familias.
O Nadal comezará mañá co acendido da iluminación das rúas, mais, debido á alerta amarela activada, non se celebrará a cerimonia especial cos actividades de animación infantil e o pasarrúas. Estas actividades moveranse para outra data na que sexa posible e que anunciaremos con antelación nas nosas redes sociais.
Esta programación de Nadal promete música, baile, obradoiros e sobre todo bos momentos para desfrutar toda a familia. A próxima semana segue co espectáculo Cabaret Bar e o cinema “A herdanza”.
Será para a semana seguinte, co remate das clases cando arranque unha programación sen tregua. Eses días estarán marcados pola música co concerto de Nadal do conservatorio, o concerto de Wonder Covers, o concerto de panxoliñas e o festival de baile de Attitude.
O luns 22 visitaranos Papá Noel e o Grinch, e continuarase con actividades para nenos como o espectáculo infantil “Historias para escagarriñarse”, un obradoiro de cociña infantil e o concerto en familia “Terapia de grupo kids”. Antes de rematar o ano tamén se celebrará a tradicional carreira de San Silvestre.
O ano 2026 comeza tendo aos nenos como centro das actividades co espectáculo “Moby Dick” e con Peter Punk cun obradoiro de circo e o espectáculo “Un Nadal chungo que te cagas”. Finalmente, o luns 5, os Reis Magos visitarán A Guarda cunha cabalgata e a posterior recepción.



