HomePontevedraO BNG urxe unha investigación no hospital Povisa para verificar se Ribera...

O BNG urxe unha investigación no hospital Povisa para verificar se Ribera Salud manipulou as listas de agarda

- Anuncio -spot_img

Esixe do Sergas que comprobe se a multinacional aplicou as “mesmas prácticas indecentes” que no hospital de Torrejón e que provocaron a dimisión do seu máximo responsábel

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, pide unha manifestación masiva en Vigo este xoves contra as políticas do Goberno de Rueda que teñen a sanidade pública “na UCI”

Xabier P. Igrexas: “Chamamos as viguesas e vigueses a enviar un berro clamoroso contra os recortes e privatizacións que só benefician ás empresas amigas do PP na sanidade privada”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de demandar unha “investigación a fondo” no hospital Povisa para verificar se a propietaria Ribera Salud manipulou as listas de agarda. A fronte nacionalista demanda unha “resposta enérxica” da Xunta diante do “escándalo” revelado este xoves no hospital de Torrejón, da mesma multinacional, e que provocou a dimisión do máximo responsábel empresarial

Así o reclamaron a deputada e portavoz parlamentar de Sanidade do BNG, Montse Prado, e o voceiro municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, diante das informacións que apuntan que o grupo Ribera Salud impuxo recortes asistencias no centro sanitario madrileño para alargar as listas de espera e incrementar desta maneira os beneficios. “As 113 mil persoas da área sanitaria adscritas a Povisa merecen garantías de que estas prácticas indecentes non se replicaron tamén no hospital vigués”, afirmaron.

Un “escándalo” que se fai público a poucas horas da manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Vigo (este xoves ás 19:00h dende a praza dos Cabalos) e que para o Bloque supón “un motivo máis” para esixir transparencia e a fin do contrato de servizos con Povisa (ao que se destinan 100 millóns anuais de recursos públicos) co obxectivo de integrar este centro baixo xestión do Sergas. Unha medida que van volver demandar a través das súas emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026.

Manifestación masiva este xoves en Vigo

Dende a fronte nacionalista fixeron un chamamento para unha “masiva participación” nesta mobilización en rexeitamento das políticas sanitarias do PP na Xunta de Galiza. “Sobran as razóns”, afirmou Prado, quen defendeu tamén a necesidade de aumentar o orzamento para Atención Primaria até o 25%, mellorar as condicións do persoal sanitario, e rescatar a concesión do privatizado Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), entre outras.

A portavoz de Sanidade do BNG alertou de que a área sanitaria de Vigo é o maior expoñente das “letais políticas” do Goberno de Rueda que levaron á sanidade pública “á UCI”. Acusou nese sentido o PP de actuar de forma decidida para que a atención sanitaria da área teña unha “total dependencia” das empresas privadas, á que se destinan cada ano 175 millóns de euros para o contrato con Povisa, pagar o sobrecusto do HAC e financiar a derivación de doentes a centros privados.

Contra o maltrato sanitario do PP en Vigo

Na mesma liña, o voceiro municipal chamou as viguesas e vigueses a enviar este xoves nas rúas da cidade “un berro clamoroso que esixa unha emenda á totalidade das políticas coas que o PP maltrata á sanidade pública en Vigo, con recortes e privatizacións que só benefician ás súas empresas amigas e supoñen un evidente risco para a nosa saúde”.

Igrexas subliñou a urxencia de dotar de máis medios nos centros de saúde de Vigo que están “ao bordo do colapso”. E volveu rexeitar a “estafa” do novo CIS Olimpia Valencia, prometido como un reforzo para a Atención Primaria pero que, criticou, a Xunta pretende abrir en 2026 sen unha soa nova contratación e retirando recursos doutros ambulatorios.

A respecto de Povisa, o portavoz nacionalista reclamou que se garantan as mesmas condicións e prestacións sanitarias que no Hospital Álvaro Cunqueiro, asegurando que o PP impuxo unha sanidade de “dúas velocidades” co centro privado. Afeou a ese respecto a “total opacidade” do Goberno galego ao negarse a facilitar información sobre Povisa ás numerosas peticións realizadas polo Bloque sobre o destino dos recursos públicos.

Publicacións Relacionadas