HomeXunta de GaliciaRomán Rodríguez destaca a aposta da Xunta para devolver ao Instituto Valle-Inclán...

Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta para devolver ao Instituto Valle-Inclán o seu esplendor como unha das catedrais educativas de Galicia

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Educación presenta o libro conmemorativo da rehabilitación do centro, na que o Goberno galego investiu máis de 6 M€
  • Destaca a intervención como a reforma de maior envergadura e investimento no ámbito educativo en Galicia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presentou hoxe o libro conmemorativo da rehabilitación do Instituto Valle-Inclán de Pontevedra, ocasión na que destacou o esforzo da Xunta con esta obra para devolver o esplendor a este centro, “que é unha das catedrais educativas de Galicia, un dos nosos institutos máis senlleiros e que atesoura un valioso patrimonio”.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que, cun investimento de máis de 6 M€, esta actuación permitiu non só rehabilitar completamente o edificio “de case 100 anos, garantindo que o seu legado chegue ás futuras xeracións de galegos, ao igual que chegou a nós”, senón tamén recuperar algúns espazos esquecidos, como o patio aberto do centro, próximo ás ruínas de Santo Domingo, así como a fachada norte orixinal do mesmo.

“A obra de rehabilitación integral do Valle-Inclán é, a día de hoxe, a obra de reforma de maior envergadura e orzamento que se realizou no ámbito educativo en Galicia”, afirmou o conselleiro, facendo fincapé na complexidade do proxecto e da súa execución polo carácter histórico do centro. “O libro que hoxe presentamos constitúe unha fiel testemuña do inxente traballo realizado e do seu magnífico resultado”, dixo.

Román Rodríguez lembra que polas aulas do Valle-Inclán pasaron numerosos persoeiros do país, como docentes e alumnos, “o que o convirte nunha institución histórica e cultural non só de Pontevedra, senón de toda Galicia”. “Por iso, e polo seu alto valor arquitectónico, preservado nesta reforma, penso que todos os que participamos nesta obra podemos sentirnos orgullosos de contribuír á longa historia do Valle-Inclán”, abondou.

O longo camiño do Valle-Inclán

O libro, editado por Construcciones Ramírez (empresa adxudicataria da obra) inclúe unha ampla reportaxe fotográfica sobre o complexo proceso de rehabilitación integral do centro, con instantáneas do antes, do despois e do transcurso das obras. Inclúe ademais, a ficha técnica da actuación e o currículo dos arquitectos, Alfredo Díaz Grande e Rosa María Sóñora Luna.

Por outra banda, no volume abórdase a historia do centro cun artigo do xornalista pontevedrés Rafael L. Torre no que recolle o longo camiño desde a licitación da obra, en 1904, cun orzamento de 575.109,20 pesetas e un prazo de execución de tres anos, ata a súa inauguración, 23 anos despois, como Instituto Nacional de Segunda Ensinanza de Pontevedra.

A longa paralización da obra no axitado contexto político da época, os necesarios incrementos de orzamento e o papel de distintos persoeiros da cidade no reinicio da construción son tamén obxecto de análise.

Así mesmo, o arquitecto autor do proxecto de rehabilitación, Alfredo Díaz Grande, asina un completo artigo sobre a dotación e equipamento inicial do centro e as distintas reformas acometidas, incluíndo unha memoria detallada desta última rehabilitación.

Publicacións Relacionadas