A mesa de coordinación de UNICEF avaliou os avances do Plan Municipal de Infancia e Adolescencia e pon en marcha o camiño cara á nova diagnose
A responsabilidade de medrar coa infancia e adolescencia no centro volve ser protatonista da axenda municipal en Tomiño. A Mesa de Coordinación de UNICEF reuniuse para pechar o ano facendo balance dos avances do Plan Municipal de Infancia e Adolescencia e preparar o terreo para a elaboración da terceira edición deste documento estratéxico, que verá a luz o vindeiro 2026.
Nun encontro no que participaron diferentes áreas municipais e axentes clave, analizouse o estado actual das accións previstas e completáronse os apartados pendentes do informe intermedio que UNICEF esixe aos concellos recoñecidos co Selo Cidade Amiga da Infancia. Tomiño é un dos seis municipios galegos que ostenta esta distinción, renovada no 2023, e converteuse nun referente en políticas públicas centradas nos dereitos da infancia e da mocidade desde que recibiu o selo por primeira vez no 2017.
“A construción dun municipio máis amable, seguro e participativo para a nosa cativada non é un obxectivo puntual, senón un compromiso continuo. O feito de sermos Cidade Amiga da Infancia implica un traballo constante, rigoroso e profundamente humano”, destacou a alcaldesa, Sandra González. A rexedora quixo salientar “o apoio e a implicación do grupo de participación ‘Voces Novas’, que é unha peza fundamental: mozos e mozas que achegan ideas valiosas, que opinan, que participan e que nos lembran cada día por que paga a pena seguir avanzando”.
O encontro serviu tamén para iniciar a reflexión colectiva cara á próxima diagnose municipal, necesaria para elaborar o III Plan Municipal de Infancia e Mocidade. Esta nova folla de ruta volverá basearse nun proceso participado que permita analizar a realidade das nenas, nenos e adolescentes do municipio, afondando en áreas como a participación activa, a protección, unha contorna urbana segura e sostible, a inclusión, a promoción da saúde ou o deseño de servizos e actividades que respondan ás súas necesidades reais, entre outros aspectos.
O concelleiro de Mocidade, Agustín González, subliñou a evolución positiva da planificación municipal ao longo dos últimos anos. “Tomiño consolidou un modelo sólido e transversal no que todas as áreas do Concello traballan cun enfoque de dereitos. Estamos a construír políticas públicas máis completas, máis abertas e máis escoitadas. Ese crecemento reflíctese na mellora dos servizos, na renovación de espazos e na creación de actividades que nacen de escoitar á mocidade”, sinalou. O edil recalcou que “o novo plan que comezamos a preparar será un paso máis para asegurar que Tomiño continúa avanzando e que as novas xeracións ocupan o lugar que lles corresponde na vida municipal”.
Con esta reunión de avaliación, Tomiño reafirma o seu compromiso cunha infancia protagonista e coa continuidade dun modelo de xestión que sitúa á cativada e á mocidade no centro das decisións municipais.



