Home A Coruña Judo Club Bergantiños celebra o décimo aniversario das Xornadas de Nadal Concello...

Judo Club Bergantiños celebra o décimo aniversario das Xornadas de Nadal Concello de Carballo cunha cifra récord de 800 participantes

0
2

Despois de dez anos, as Xornadas de Nadal organizadas polo Judo Club Bergantiños, coa colaboración do Concello de Carballo, son unha das citas obrigadas da ponte da Constitución. A participación non para de medrar, e dos 100 deportistas da primeira edición pasaremos a 800 neste décimo aniversario, o que converte o evento do domingo 7 de decembro “nun dos eventos que máis deportistas a nivel individual, e tamén a moitas familias, xunta no noso concello”, como indicou o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, na presentación do cartel.

Con el estiveron o director deportivo da Federación Galega de Judo, José López Gacio; o presidente do Judo club Bergantiños, David Pérez Anido, e o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López.

O representante da federación expresou o apoio da entidade ao evento organizado polo Judo Club Bergantiños, e asegurou que non só é unha das citas deportivas máis multitudinarias de Carballo senón de Galicia. E ademais destacou a variedade de procedencias dos/as participantes e, sobre todo, “a importancia que ten para os rapaces desta zona, que non teñen que saír a fóra para ter un evento”.

David Pérez Anido destacou o apoio do Concello de Carballo, tanto desde a parte política coma da técnica, ao longo destes dez anos das Xornadas de Nadal, “que case se nos van das mans -dixo-, porque estamos a falar de 800 deportistas e de 4.000 persoas nas gradas, en catro quendas. Está o pavillón sempre a rebordar”. O presidente do Judo Club Bergantiños destacou tamén o auxe deste deporte no noso concello, onde conta xa con 120 fichas de todas as idades e, moi especialmente, cunha participación feminina moi elevada e ao máis alto nivel. “Temos dúas deportistas no centro de tecnificación de Galicia e case un 40% de rapazas facendo judo”, subliñou.

O alcalde devolveu o agradecemento polo labor de promoción do deporte que se está a facer desde o Judo Club Bergantiños e tamén por volver converter Carballo na sede dun evento destas características. Daniel Pérez asegurou que este tipo de competicións “son importantes para Carballo, tanto polos valores que transmiten, como pola posibilidade que ofrecen aos deportistas locais de xogar na casa, como soe dicirse, e tamén polo atractivo que supoñen para a xente de fóra e o impacto económico que teñen no noso concello”.