– O Concello licitou os traballos nestes dous camiños por preto de 20.000 euros. As melloras inclúen o novo asfaltado duns 220 metros de lonxitude en total e unha superficie próxima aos 1.000 metros cadrados.
– A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro responsable, Roberto Villar, visitaron a zona onde comezarán uns traballos de mellora “moi necesarios para os veciños e veciñas, xa que estes camiños levaban décadas sen ser asfaltados”. O novo firme vai supoñer unha mellora notable na mobilidade e na seguridade de tráfico e peóns nesta zona.
A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade licitou as obras de mellora e pavimentación dos camiños das Laxes e Carreiro da Auga, en Reboreda. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro responsable, Roberto Villar, visitaron a zona onde comezarán o traballos de mellora “moi necesarios e demandados polos veciños e veciñas, xa que estes camiños levaban décadas sen ser asfaltados”. As obras consisten na mellora de drenaxe e a pavimentación, con aglomerado asfáltico en quente “o que suporá unha mellora notable da mobilidade nesta zona cun novo firma máis seguro”. O novo asfaltado no Camiño das Laxes terá unha lonxitude de 115 metros, mentres que no Carreiro da Auga é de 105. Entre ambos camiños o aglomerado suma unha superficie aproximada de 977 metros cadrados.
Previo ao estendido do aglomerado realizarase a limpeza e preparación de toda a superficie e procederase á regulación do pavimento, co recheo das fochancas existentes.
A actuación no Camiño das Laxes comeza na zona do estreitamente existente até o seu encontro coa Estrada a Pazos de Borbén PO-250. Para recoller as augas superficiais do camiño, e evitar que cheguen á Estrada a Pazos de Borbén, proxéctase colocarase unha canaleta de drenaxe.
A actuación no Camiño Carreiro da Auga comeza no cruzamento co Camiño das Laxes até o fondo actual, onde se atopa cortada.
As obras licitáronse por un importe de 19.549 euros e teñen un prazo de execución de 2 meses. O concelleiro, Roberto Villar, confía en que estean rematadas no primeiro trimestre de 2026 se as condicións meteorolóxicas o permiten. O edil sinala que desde o departamento de Infraestruturas e Sostibilidade estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños municipais e o obxectivo é “seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”.



