HomePontevedraSoutomaior instala os seus primeiros paneis accesibles para persoas con discapacidades visuais

Soutomaior instala os seus primeiros paneis accesibles para persoas con discapacidades visuais

- Anuncio -spot_img

A actuación de sinalización e creación de contidos interpretativos nas marxes do sendeiro que percorre a ribeira do río Verdugo, a súa desembocadura e a enseada de San Simón xa está rematada.

Soutomaior xa rematou os traballos de sinalización e creación de contidos interpretativos a través dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia, de máis de 29 mil euros, coa cal incrementa e mellorar os recursos turísticos do concello.

O proxecto rematado consistiu nunha actuación de sinalización e creación de contidos interpretativos nas marxes do sendeiro que percorre a ribeira do río Verdugo, na súa desembocadura, e a enseada de San Simón, dentro dos límites municipais do Concello de Soutomaior.

Tal e como dixo nesta xornada a concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, “sabemos que traballar na accesibilidade e na inclusión é o camiño para facer que teñamos unha sociedade mellor e máis xusta. E isto tamén debemos facelo no turismo, porque todas as persoas temos dereito a desfrutar das marabillas que o concello de Soutomaior ten para ofrecer a todos os seus visitantes”.

Este proxecto implicou, por unha banda a instalación de seis sinais de carácter interpretativo nas beiras dun sendeiro de terra xa existente e por outra, a creación de contidos interpretativos (texto e imaxes) para incorporar ao corpo dos sinais.

Un paneis que agora xa son accesibles para persoas con dificultades visuais. Son os primeiros paneis interpretativos do concello que levan a tecnoloxía dos códigos NaviLens. Estes códigos, similares aos QR, caracterízanse por axudar a persoas con discapacidade visual a orientarse e interactuar coa súa contorna. E isto é así porque poden lerse desde lonxe, a gran velocidade e en diversas condicións de luz, por iso son máis accesibles que os QR.

Para utilizar este sistema só é preciso ter instalada no teléfono a app gratuíta NaviLens, coa que traballan habitualmente as persoas con discapacidades visuais porque estes códigos xa están presentes en paradas de autobús, metro, museos, etc.

O contido dos paneis interpretativos está en galego, castelán e inglés, e permite comprender a contorna sobre a que se asenta o paseo marítimo de Arcade, desde o peirao ata a ponte de Ponte Sampaio, un percorrido accesible paras as persoas con mobilidade reducida. Trátase dunha área protexida pola Rede Natura 2000 debido á súa riqueza tanto de fauna como de flora, sen deixar de ser unha paisaxe profundamente humanizada ao longo dos séculos, como así o demostran as pontes, os castelos, as industrias e os demais elementos que forman ou formaron parte desta paisaxe onde as augas do río Verdugo se unen á enseada de San Simón.

A estes seis paneis hai que engadir un máis, dedicado ao turismo ornitolóxico e, en concreto, ao pato asubiador común, que tamén acaba de ser instalado no paseo marítimo. Este panel está englobado dentro dun proxecto para visibilizar as especies e as áreas máis interesantes de cara a observación de aves nos 14 concellos que conforman o Xeodestino Galicia Suroeste, entre eles, Soutomaior.

Publicacións Relacionadas