Até o 6 de xaneiro os tíckets de compra nos establecemento tudenses transformarase nunha viaxe gratuíta no tioviovo
Unha viaxe chea de fantasía, maxia e ilusión é a que brindará dende mañá venres o carrusel infantil instalado na praza da Inmaculada, en pleno corazón deste Nadal en Tui.
Este carrusel forma parte da campaña especial de apoio ao comercio local que ten por lema “Este Nadal, merca no comercio local… e viaxa no Carrusel Infantil!”. O obxectivo é dinamizar as compras nesta época do ano, e encher de ilusión as rúas da cidade. Os tíckets das compras realizadas no pequeno comercio local entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro poderán canxearse por unha viaxe gratuíta no carrusel. Aqueles que non dispoñan dun tícket de compra poderán realizar tamén a viaxe aboando os 2€ correspondentes ao prezo do billete.
Deste xeito, cada compra convértese nun pequeno agasallo extra, unha viaxe chea de cores, música e ilusión para os máis pequenos…
Dende a concellería de Comercio e Mercados do Concello de Tui quérese así reforzar a importancia do comercio de proximidade. A concelleira de Comercio, Ana Núñez, sinala que coa mensaxe que acompaña a campaña “Este Nadal, Tui móvese contigo” convídase á veciñanza e todas as persoas que visiten a cidade a apostar polo comercio tudense ao tempo que participa dun Nadal cheo de encanto.
Os establecementos comerciais tudenses poden recoller dende mañá venres na Oficina de Turismo a cartelería desta campaña.



