Exposicións, música, escénicas, a visita do Apalpador e dos Reis Magos de Oriente… San Sadurniño encherase de propostas de lecer e de maxia durante as festas do Nadal e Reis, seguramente as máis sentidas e familiares do ano. O Concello, que acenderá esta fin de semana a iluminación do centro urbano, preparou unha completa programación de actividades dirixidas a público familiar que vai comezar o sábado 13 de decembro, prolongándose ata o domingo 4 de xaneiro, data de chegada adiantada a San Sadurniño de Melchor, Gaspar e Baltasar. O calendario de Nadal e Reis complementarase, ademais, coa campaña de apoio ao tecido comercial e hostaleiro “No Nadal, consumo local” e con outras propostas organizadas polos colectivos veciñais. O programa conta con apoio da Deputación da Coruña.
Tempos para compartir: Adornos de Nadal, con Tania Couce de Paz
Sábado 13 de decembro, 11:00h, Local social da Seara (Ferreira)
Aproveitando que xa estamos ás portas do Nadal, o Concello organiza un novo “Tempos para compartir” para que o noso fogar lle dea a mellor benvida a quen nos visite. Con materiais como flores secas, follas e demais plantas e decoración relacionada con estas datas aprenderemos a facer unhas fermosas coroas para poder engalanar a porta da casa.
A encargada de impartir este obradoiro, que terá lugar no local social de Ferreira, será a florista Tania Couce de Paz, propietaria da floraría La Feira. Só se ofrecen 12 prazas, que cumprirá reservar no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no 695 876 178.
“Cantaxoga” con Migallas Teatro
Mércores 17 de decembro, 11:00h, Casa da Cultura
“Cantaxoga” é un espectáculo de teatro e música onde María Campos e Carlos Yus interpretan cancións dos discos “Canta connosco!” e “Pan de millo”. Un auténtico show na compaña dunha banda de pulgas.
Farán unha chea de números cómicos relacionados cos contidos das cancións, nun espectáculo dirixido ao alumnado de Infantil e Primaria do CPI de San Sadurniño nos días previos ás vacacións de Nadal.
Uxía Lambona e a Banda Molona: “Un soño é…”
Venres 19 de decembro, 11:30h, Patio cuberto do CPI
Uxía Lambona e a Banda Molona andan de xira co seu novo espectáculo “Un soño é…” Todos e todas temos soños por cumplir, pois Ñoc, Pali, Serghaño, Abraham, Roscón e Uxía tamén os teñen, e neste espectáculo compartirán soños e temas novos, pero tamén, como sempre, os seus temas clásicos, bailes, sorrisos e moitas ganas de pasalo en grande!!
Unha proposta de Troula Animación que terá lugar no patio cuberto do CPI de San Sadurniño como parte das actividades de despedida do trimestre e de inicio das vacacións do Nadal.
Ruada do Apalpador
Sábado 20 de decembro, 19:00h, Praza Ramón Díaz Raña e Casa da Cultura
O Apalpador pasará por San Sadurniño na tarde-noite do último sábado antes da Noiteboa. Igual que o ano pasado fará un pequeno percorrido desde o CPI até a praza Ramón Díaz Raña, acompañado das nenas e nenos e da música da Asociación cultural Os Farrapos.
Tan pronto como chegue, o carboeiro do Courel agasallará á cativería con regalos respectuosos co ambiente e que transmitan valores relacionados coa igualdade de xénero. Entre as 19:30 e as 21:00h desenvolveranse na Casa da Cultura un obradoiro de adobíos para a árbore de Nadal no que se farán apalpadores de feltro e adornos de madeira. As nenas e nenos tamén fabricarán pandeiros de cartón para cantaren panxoliñas canda as familias. E todo mentres toman bizcochada cun chocolate ben quentiño.
Nadal na Lareira da AVV O Castelo
Sábado 20 de decembro, 20:00h, Local social da Veiga
O Castelo de Narahío tamén puxo para este sábado a celebración do seu tradicional Nadal na Lareira. Un evento que arrancará co espectáculo de ilusionismo da Maga Fani. Ao seu remate, o Apalpador tamén se achegará polo local social da Veiga para encontrarse coas nenas e nenos. A asociación servirá chocolate con bica e a noite rematará cunha foliada aberta. Durante a noite sortearanse tres cestas de Nadal entre as persoas socias (non haberá rifas á venda).
Festival de Nadal das aulas de música moderna
Domingo 21 de decembro, 12:00h, Casa da Cultura
As artistas que asisten semanalmente ás clases de música impartidas por Xoán Leis e o seu equipo docente volverán deleitarnos este Nadal cun concerto no que escoitaremos pezas de todos os estilos, sobre todo clásicos do pop e do rock que adoitan soar nestas datas, alternados con pezas tamén moi coñecidas do repertorio tradicional.
O concerto, que sempre garda algunha que outra sorpresa para o público, durará arredor dunha hora e é con entrada gratuíta até completar a capacidade da Casa da Cultura… que, tamén sempre, acaba quedando pequena.
Cine: “Niko 2: Irmán pequeno, problema grande”
Martes 23 de decembro, 18:30h, Casa da Cultura
Niko é un pequeno reno que soña con unirse algún día á patrulla de Santa Claus. Cando o seu novo irmán desaparece tras ser secuestrado por uns malvados, Niko emprende unha aventura invernal chea de humor, perigos e amizade para rescatalo e demostrar o seu valor. O filme proxectarase con entrada libre e vai dirixido a rapazada de 3 anos en diante.
Concerto de fin de ano
Domingo 28 de decembro, 12:00h, Igrexa de San Sadurniño
Tralo exitoso concerto de despedida de 2024 ofrecido no altar da Igrexa de Santa María A Maior do Rosario, a oboísta internacional Iria Folgado volve unirse á frautista Erika González, o chelista Víctor Rodríguez, o violinista Jaime Rodríguez, a pianista e frautista Noreia Hermida e o trombonista Gabriel Castrillón, para brindarnos unha delicada escolma de música de cámara coa que despedir tamén 2025. O concerto é con entrada libre e terá lugar, de novo, na igrexa de San Sadurniño.
Tardeo e fin de ano en Bardaos organizado pola Comisión de Festas 2026
Mércores 31 de decembro, desde as 17:00h e a partir da 01:00h, Local Social da Bañoca
A Comisión de Festas de Bardaos 2026 organiza un serán de Fin de Ano e unha noite de Aninovo que prometen ser memorables. Na tardiña do 31 de decembro, das 17:00 ás 21:00h terán aberta a barra do local social para “botarlle as últimas” deste 2025.
E despois da cea e das uvas -cadaquén na súa casa- volverán reunirse no local da Bañoca para estrear 2026 como merece, con música, sorteos e boa compaña durante toda a noite. Ao amencer haberá chocolate con churros. Entrada de balde e aberta a todo o mundo, non só á veciñanza da parroquia.
Recepción dos Reis Magos Oriente
Domingo 4 de xaneiro, 17:00h, Ximnasio do CPI de San Sadurniño
Melchor, Gaspar e Baltasar virán antes de tempo por San Sadurniño. Concretamente na tarde do domingo 4 de xaneiro. A partir das 17:00h o Concello organizoulles unha festa de benvida con hinchables, xogos, música e roscón con chocolate.
Os Magos de Oriente chegarán ao ximnasio do CPI sobre as 18:45h e escoitarán os desexos das nenas e nenos, ademais de recoller cartas de última hora. Da animación encargarase LaGuaGua.



