Lucía Santos denuncia que Marín vai a pique e sen freos, ao acumular unha perda do 7,3% da súa poboación en catorce anos —1.888 habitantes menos desde que o PP chegou ao goberno — e situarse por debaixo dos 24.000 residentes, un mínimo histórico que non se rexistraba desde hai case 40 anos
O BNG de Marín alerta dunha situación demográfica moi preocupante que require unha reacción inmediata. Os últimos datos do INE e do IGE confirman que Marín segue perdendo habitantes: o concello baixa dos 24.000 residentes tras perder 113 persoas nun só ano e acumula unha caída de 1.888 desde que o PP asumiu o goberno municipal. Trátase dun descenso do 7,3% que sitúa a Marín entre os concellos galegos con peor evolución poboacional da última década: é hoxe o terceiro municipio de Galicia que máis poboación perde, e figura entre os cinco concellos cun retroceso demográfico máis acusado, só superado por Fene, Redondela, Guitiriz e A Fonsagrada. Todo isto coloca a Marín en mínimos históricos que non se rexistraban desde hai case corenta anos.
Segundo os últimos datos oficiais publicados, a perda continua de poboación en Marín prodúcese nun contexto no que o concello presenta varias debilidades estruturais que cómpre abordar. Ademais dun saldo vexetativo moi negativo e dunha poboación moi envellecida, Marín conta cun tecido produtivo feble: 1.325 empresas, case todas microempresas e cunha presenza mínima de compañías medianas e ningunha de gran dimensión. Isto reflicte unha escasa diversificación económica e unha capacidade limitada para xerar emprego estable.
Esta situación tamén se aprecia no mercado laboral. O sector servizos principal motor económico da vila — concentra arredor do 80% do paro rexistrado, con máis de 780 persoas desempregadas, un dato que amosa a dependencia deste sector e os desafíos que presenta para absorber á poboación activa e ofrecer oportunidades á mocidade. Mentres concellos da contorna conseguiron estabilizar ou mesmo gañar habitantes, Marín continúa perdendo peso demográfico e económico, o que para a formación nacionalista evidencia a ausencia dun proxecto municipal claro e eficaz capaz de anticipar os cambios sociais e dinamizar a economía local.
Outro indicador especialmente preocupante é a escasísima creación de vivenda nova: segundo o IGE, o ano pasado rematáronse só 8 vivendas en Marín, unha oferta claramente insuficiente para reter a poboación existente e para facilitar a chegada de nova poboación ou o retorno das persoas mozas que buscan emanciparse.
Esta situación contribúe a un escenario no que diferentes colectivos sociais e profesionais levan tempo advertindo sobre tres cuestións clave: a falta dun modelo urbanístico definido malia contar cun PXOM en vigor desde hai 14 anos; a ausencia dun rumbo económico que axude a consolidar actividade e atraer investimento; e a dificultade de ofrecer condicións atractivas para que a mocidade e as familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida no municipio.
Para o BNG, é evidente que Marín precisa con urxencia un cambio de rumbo. O resultado das políticas do PP é un concello de Marín, pertencente á fachada Atlántica cun réxime demográfico de interior, que envellece, que mingua e que perde capacidade de atraer e reter poboación activa. Os datos falan por si sós e apuntan na mesma dirección: Marín leva catorce anos cun goberno municipal sen un proxecto de verdade que permita reverter esta tendencia. Os números evidencian está realidade por moito que María Ramallo intente fuxir dela.



