- O deseño do novo espazo, situado nas Lagoas, será “extraordinario e estratéxico para Bueu” e nel investiranse 900.000 euros con fondos da Deputación
- Instalarase un novo skate park e un bowl, re acondicionarase a pista multideporte, habilitarse sendeiros e crearase unha gran praza pública
O Concello de Bueu abre o prazo de presentación de ofertas para as obras do novo Parque Urbano Lugrís, unha proposta que suporá a instalación dun novo skate park e un bowl, ademais do re acondicionamento da pista multideporte, sendeiros interiores e a creación dunha gran praza pública. Dende o goberno local destacan que “estamos ante un proxecto extraordinario e estratéxico para Bueu, que suporá unha mellora integral de toda a contorna de As Lagoas”.
O proxecto conta cun orzamento de preto de 900.000 euros e financiarase con fondos da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Provincial Extraordinaria (Plan Extra) e do Plan Máis Provincia. As empresas interesadas en participar deberán enviar as ofertas ata o 29 de decembro ás 13.30 horas e o procedemento pode verse na Plataforma de Licitación do Sector Público.
Este espazo, que se situará na zona de As Lagoas nunha franxa de 5.000 metros cadrados, será unha área de confluencia de usos deportivos, ocio e incluso económicos, e estará conectado a través dunha rede de sendeiros seguros con outros equipamentos e instalacións, caso da Piscina Municipal, os institutos Johan Carballeira e Illa de Ons, o CEIP Plurilingüe A Pedra, o Centro de Saúde e, incluso, a Igrexa de San Martiño de Bueu.
A primeira versión do proxecto vén do 2022, pero a finais do pasado ano, o goberno local mantivo varias xuntanzas co equipo redactor, SR Skateparks, que serviron para engadir unha serie de melloras. As liñas centrais serán o re acondicionamento da actual pista multideporte, a creación dun novo “skatepark” e un “bowl”, sendeiros interiores e a construción dunha gran praza pública. Entre os cambios máis salientables están o traslado dos campos de petanca, que se ubicarían na parte traseira doo CPR Virxe Milagrosa; a expansión da gran praza pública situada ao lado da pista multideporte, que inicialmente tiña unha superficie de 1.000 metros cadrados e que chegará agora ao borde da rúa Johan Carballeira e da entrada ao aparcadoiro cunha zona de transición; e o cambio do pavimento no aparcadoiro, co fin de que no futuro se poida instalar unha cuberta que sirva de acubillo para os múltiples eventos e actividades que se organizan na zona. A maiores prevese a plantación de máis especies arbóreas para reforzar a zona verde.



