O presidente da Deputación de Ourense e da Fundación Blanco-Amor, Luis Menor, enxalzou a boa saúde do certame, que bateu récord de participacións con 75 obras presentadas a esta 44ª edición
A gañadora, Cecilia F. Santomé, agradeceu a quen estimou que a súa obra, “Boundaries Road”, sexa “digna da estirpe dun dos máis grandes autores que deu a nosa patria”
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde o acto de entrega do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor, o máis veterano e de máis prestixio en lingua galega, organizado pola Fundación Blanco-Amor en colaboración coa Deputación de Ourense. A gañadora desta edición, a vilalbesa Cecilia F. Santomé, recibiu unha peza escultórica de Acisclo Manzano, que forma parte do galardón dotado con 15.000 euros.
O presidente provincial, Luis Menor, enxalzou a boa saúde deste galardón, manifesta no récord de participación deste ano, con 75 propostas recibidas. Nesta liña, anunciou que o apoio da institución provincial seguirá sendo firme á Fundación Blanco-Amor, “fundamental” na preservación do legado dun ourensán que, dixo Menor, “está máis vivo ca nunca, cunha herdanza cultural clave para as novas xeracións”.
Menor tamén indicou a “elevada e sólida calidade” do premio, lembrando que tres dos galardoados (Alfredo Conde, Marilar Aleixandre e Xesús Fraga) foron despois recoñecidos co Premio Nacional de Narrativa.
Menor reiterou os parabéns á premiada, Cecilia F. Santomé, poñendo en valor a súa “ampla traxectoria literaria”, que agora suma un novo éxito co premio Blanco Amor.
A escritora e vilalbesa Cecilia F. Santomé, gañadora desta 44ª edición, agradeceu a “xenerosidade” de quen estimou que a súa obra, “Boundaries Road”, sexa “unha novela digna da estirpe dun dos máis grandes autores que deu a nosa patria”.
No que respecta ao texto gañador do certame, explicou a intención primeira da novela foi “facer do recordo materia narrativa, amasar nomes, espazos, certas sensacións, algúns acontecementos e engadirlles lévedo da literatura ata velos medrar na artesa”.
O xurado valorou o estilo “moderno” da obra, que dialoga coa literatura actual, así como a “creación dun universo narrativo con gran pegada poética”, así como as personaxes “elaboradas con moita coherencia”.
Pola súa banda, o director da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luis González Tosar, referiuse a unha obra de Eduardo Blanco Amor recentemente rescatada, o ensaio “Castelao, escritor”. Deste xeito, aproveitou a velada literaria para poñer en valor este texto escrito en 1950 por Eduardo Blanco Amor, o mesmo ano da morte de Castelao.
Publicado pola editorial Galaxia, González Tosar referiuse ao “valor engadido” e ao carácter “inédito” da obra, xa que contén o discurso que pronunciou Blanco Amor o 8 de xaneiro de 1950 no cemiterio da Chacarita, en Bos Aires, para despedir os restos mortais de Castelao.
A gañadora do XLIV Premio Blanco Amor
Cecilia Fernández Santomé (San Simón, Vilalba, 1984) é tradutora, narradora e lingüista. Ten participado en proxectos de xornalismo colaborativo como “Toonari Post” ou “55 Pages”, ademais de codirixir a revista en liña “Coolt”.
En 2017, recibiu o Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e do Norte de Portugal polo seu relato «34, Rue Saint Jacques». En 2021, obtivo o terceiro premio no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía por “As orfas daquel verán”. Tamén é autora das novelas “Quérote. Eu tampouco» (Xerais, 2019), “Unha rapaza de provincias” (Xerais, 2021) e “As despedidas” (Xerais, 2024).



