O grupo nacionalista presenta no parlamento un plan para investir 1 millón de euros en catro anos para recuperar o Parque da Natureza de Castiñeiras
Critica a deixadez da Xunta con respecto a este enclave, que debería ser un gran motor de dinamización social e económica
Representantes do BNG de Vilaboa, encabezados polo concelleiro Carlos Acuña, e os deputados Luís Bará e Paulo Ríos mantiveron un encontro no Miradoiro de Cotorredondo (Vilaboa) no que presentaron unha batería de iniciativas para demandar á Xunta a reapertura á público deste edificio e que impulse un plan de recuperación e dinamización do parque da natureza de Castiñeiras en colaboración coas comunidades de montes titulares dos terreos (Santa Cristina e San Martiño en Vilaboa, e San Xulián e Santo Tomé de Piñeiro en Marín), cos concellos de Vilaboa e Marín, coa Deputación de Pontevedra e con entidades sociais.
Con respecto ao miradoiro de Cotorredondo, situado na parroquia de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), o BNG denuncia que leva varios anos pechado ao público o que supón o desaproveitamento dun importante centro de atracción de visitantes e dinamización da contorna. Segundo Luís Bará, portavoz de medio ambiente no parlamento, “Ainda que a titularidade dos terreos e do miradoiro pertence á comunidade de montes de Santa Cristina, a consellaría do medio rural utilízao como torre de vixilancia de incendios, polo que consideramos que ten que ser a Xunta quen poña os medios para garantir a apertura ao público, de maneira que se recupere este importante recurso turístico do concello de Vilaboa”.
Polo que se refire ao denominado “Parque da Natureza” de Castiñeiras, se ben nos últimos anos se levaron a cabo algunhas melloras, fundamentalmente na conservación da lagoa e na súa contorna, a realidade é que a Xunta desentendeuse da xestión do conxunto e non colabora coas comunidades de montes titulares do espazo para a súa conservación, dinamización e promoción. Como exemplos desta desatención o BNG sinala
- Existe unha Aula da Natureza que non funciona pola falta de medios e apoio oficial.
- O Xardín Botánico non ten nunha conservación nin unha protección axeitada.
- Non existe unha promoción e divulgación correcta dos valores culturais da contorna, desaproveitando o grande potencial do extraordinario conxunto de mámoas situadas nos concellos de Vilaboa, Marín e Moaña.
- A Xunta trasladou o Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe a Cerdedo-Cotobade, o que supuxo a perda doutro importante elemento de dinamización.
O BNG considera que a Xunta debe implicarse activamente no apoio a iniciativas como a impulsada pola Asociación Xoán XXIII no antiguo Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe e que comprende actividades sociais, ambientais e de integración sociolaboral de persoas con discapacidade.
Segundo Bará, “Máis alá deste loable proxecto, o goberno galego debe impulsar un plan integral de conservación, promoción e posta en valor deste gran espazo natural e cultural, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, os concellos de Vilaboa e Marín, as comunidades de montes e entidades sociais, co obxectivo de convertelo nun motor social e económico da contorna”.
Para iso o grupo nacionalista propón o investimento anual de 250.000 euros non próximos catro anos por parte da Xunta, co obxectivo de garantir un investimento mínimo de 1 millón de euros, ampliábel con achegas doutras institucións.
Con respecto ao miradoiro de Cotorredondo, o BNG demándalle á Xunta que leve a cabo un estudo técnico sobre o estado de conservación do edificio para garantir que se poida abrir ao público con todas as garantías de seguridade.



