Contará con medio cento de expositores, música e obradoiros participativos nun ambiente comercial e familiar
O alcalde da Lama, David Carrera, a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Trinidad Fernández, o edil de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, así como as membros da Asociación de Nais e Pais Cal do Vergazo do CEIP da Lama, Bea Barroncas e Lupe Táboas e a colaboradora Adela Moreira presentaron hoxe a terceira edición do Mercadillo Artesanal de Nadal, que se celebrará o vindeiro domingo 14 de decembro, en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas, no Pavillón Municipal de Deportes.
O rexedor destacou a importancia desta cita comercial e familiar para o municipio, afirmando que “o Mercadillo Artesanal de Nadal consolidouse como un espazo de encontro, dinamización económica e convivencia familiar. Cada ano medra en participación e propoñemos actividades que reforzan valores sociais fundamentais, como a igualdade e o respecto”.
Como principais novidades desta edición, o evento contará cunha actuación musical do dúo “Desconcerto”, prevista para as 13:00 horas, onde se interpretarán versións de cancións moi coñecidas do panorama musical español con letras revisadas para denunciar e condenar a violencia de xénero.
Ademais, desenvolveranse obradoiros familiares orientados á promoción da igualdade e á detección e erradicación de comportamentos sexistas. Ambas actividades contan co patrocinio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O alcalde David Carrera subliñou tamén que “é fundamental aproveitar espazos como este para sensibilizar, especialmente ás familias e á mocidade, sobre a importancia de construír unha sociedade libre de violencia de xénero. A cultura, a música e a participación cidadá son ferramentas clave para avanzar nese camiño”.
Pola súa banda, medio cento de artesáns participarán nesta terceira edición, ofrecendo ao público unha ampla variedade de creacións únicas e produtos de elaboración propia. Ao longo da xornada, as persoas visitantes poderán tamén disfrutar de gastronomía mexicana, así como do servizo de bar da Comisión de Festas de Santa Ana e Santo Xoaquín, que ofrecerá bocadillos e outras propostas gastronómicas.
Desde o Concello da Lama e a ANPA Cal do Vergazo animan á veciñanza e visitantes doutras localidades a achegarse a esta nova edición do Mercadillo, que promete unha intensa xornada de artesanía, música, igualdade e convivencia familiar.



