- A convocatoria de achegas, que está previsto que se publique no Diario Oficial de Galicia en xaneiro, busca seguir apoiando aos municipios no exercicio das súas competencias en materia de xestión de residuos e ofrecer ao conxunto da cidadanía un servizo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente
- Ángeles Vázquez anima aos concellos pequenos a seguir o exemplo de Touro, que este mes porá ao servizo da súa veciñanza dúas infraestruturas para a recollida de refugallos non convencionais cun investimento global de máis de 400.000 euros
- A conselleira pon en valor que este tipo de accións contribúen ao coidado da contorna, pero tamén a xerar emprego a nivel local e a fixar poboación no rural
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o novo punto limpo fixo que o Concello de Touro vai poñer en marcha este mes no lugar da Santaia e lembrou que o vindeiro ano a Xunta pon a disposición dos concellos máis de 1,6 millóns de euros en axudas para facer melloras neste tipo de instalacións ou mercar puntos limpos móbiles.
A responsable autonómica salientou que a convocatoria, que está previsto que saia publicada no Diario Oficial de Galicia en xaneiro, reserva 1,3 millóns de euros para as melloras en puntos limpos fixos e 350.000 para a adquisición de puntos limpos móbiles.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou que a recollida separada dos distintos refugallos é fundamental para que poidan ser reciclados ou reutilizados e que por iso a Xunta está a apoiar aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de xestión de residuos e na posta en marcha de infraestruturas que permiten ofrecer á veciñanza un servizo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.
Nesta liña, animou aos municipios pequenos a seguir o exemplo de Touro, que neste mes porá en servizo o punto limpo fixo e tamén un punto limpo móbil co fin de facilitar aos seus preto de 3.400 habitantes o depósito daqueles residuos voluminosos ou perigosos que non teñen cabida nos contedores de recollida convencional.
Neste sentido, a conselleira destacou que o Goberno local recibiu unha axuda de 300.000 para a construción do novo punto limpo fixo e preto de 30.000 euros para a adquisición do punto limpo móbil, que desde finais de mes percorrerá cada semana unha das 19 parroquias do concello para facilitar aos usuarios o depósito dos seus refugallos.
Deste xeito, subliñou, as veciñas e veciños deste municipio coruñés contarán a partir de agora cunhas infraestruturas das que carecían e poderán depositar ben nas instalacións fixas ben nas móbiles residuos voluminosos ou perigosos que precisan dun tratamento especial como aparellos eléctricos e electrónicos, pilas, baterías, xoguetes, mobles, restos de poda ou escombros de obras domésticas, entre outros.
A representante do Executivo galego puxo en valor que Galicia conta xa na actualidade cunha rede de preto de 380 puntos limpos -entre fixos e móbiles- froito dun investimento da Xunta de máis de 14 millóns de euros desde 2018 e do impulso de máis de 220 proxectos de reciclaxe e reutilización de distintos materiais.
Colaboración
Ángeles Vázquez destacou que a existencia desta infraestrutura sólida ao servizo da cidadanía galega é o resultado da colaboración institucional co único obxectivo de avanzar no eido da sostibilidade e da protección do medio ambiente. Neste sentido, engadiu, os concellos galegos están comprometidos coa consecución dunha Galicia máis verde, máis limpa e responsable que, en definitiva, é unha mostra máis desa marca Galicia Calidade da que presume o conxunto da comunidade.
De feito, a conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, incidiu en que este tipo de elementos de recollida selectiva dos residuos non só contribúe a facer unha xestión ambiental máis eficiente e responsable senón que tamén permite crear emprego a nivel local e fixar poboación en concellos rurais como pode ser o de Touro.
Novas instalacións
O punto limpo fixo de Touro, cun investimento global de máis de 330.000 euros, conta con contedores específicos para os diferentes tipos de residuos que poden ser reciclados ou reutilizados e para aqueles que polas súas características especiais deben recibir un tratamento diferenciado e non poden ou non deben ser xestionados polos sistemas tradicionais de recollida de lixo.
Deste xeito, a veciñanza poderá entregar residuos voluminosos, eléctricos e electrónicos, metais, madeira, papel, cartón, vidro, téxtil, aceites e outros materiais recuperables, facilitando a súa posterior valorización e contribuíndo á mellora da xestión ambiental en todo o territorio municipal.
No caso do punto limpo móbil, cun investimento global de máis de 65.000 euros, consiste nun vehículo todo terreo 100% eléctrico e nun remolque con distintos compartimentos para os diferentes residuos que irá percorrendo cada semana unha das 19 parroquias do concello de Touro. Nel a veciñanza poderá depositar refugallos como aparellos eléctricos e electrónicos de pequeno tamaño, pilas e baterías, xoguetes, aerosois e envases de pintura, lámpadas, cartuchos de tinta de impresora, aceite de cociña embotellado e CD ou DVD, entre outros elementos.



