HomeO MorrazoBueuO concello de Bueu presenta un programa de Nadal para gozar en...

O concello de Bueu presenta un programa de Nadal para gozar en familia

- Anuncio -spot_img
  • Carmen García, concelleira de cultura, destaca o “presentamos un dos programas máis completos” e incide na variedade de propostas que terán como epicentro As Lagoas pero que tamén percorrerán outros lugares
  • Entre as actividades atópanse espectáculos de maxia, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros, deporte e moito máis
  • Os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas do Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos

O Concello de Bueu presenta unha programación ampla e variada para este Nadal, moi centrada nas familias e nos eventos para compartir as festas entre a cativada e as persoas maiores, e con propostas culturais e deportivas das que se poderá gozar ata o 6 de xaneiro. Así o destacou Carmen García, concelleira de cultura, quen durante a rolda de prensa deste venres fixo fincapé na aposta do goberno local por “un dos programas máis completos e no que colaboran o Concello e os colectivos locais”. Precisamente esa variedade represéntase no cartel deseñado para a ocasión polo veciño Iago Comedeiro, e nel incídese nesa vinculación do Nadal con elementos que poñen en valor a cultura e historia mariñeiras, como o reloxo da Casa Consistorial, o polbo, a escultura dos cabalos de Pescadoira, as ondas da bandeira ou o millo corvo.

O pistoletazo de saída será este venres, previo á ponte, co acendido das luces de Nadal que terá lugar a partir das 18.30 horas coa presenza do alcalde e dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal.

Entre as actividades para o Nadal atópanse espectáculos de maxia, contacontos, cinema, actuacións musicais, obradoiros, deporte e moito máis. Moitas delas concentraranse, como é habitual, na carpa de As Lagoas, pero tamén no Centro Social do Mar, Banda do Río, e outros espazos das parroquias.

Actividades para a cativada

O público máis cativo será un dos grandes protagonistas da programación para estas datas, con propostas como actuacións de maxia, contacontos, cinema ou obradoiros artísticos. A través delas preténdese ofrecer alternativas de lecer para gozar destas datas en familia, e nos diversos espazos das tres parroquias.

Seguindo coas propostas de contos nas bibliotecas, o 11 de decembro, a Biblioteca de Beluso acollerá ás 18 horas o contacontos “Cinema Marabillas: ver para ler” de Raquel Queizás; o 18, á mesma hora, Vero Rilo sorprenderá cuns “Contos de Nadal” na Biblioteca de Bueu; e o 2 de xaneiro será na Biblioteca de Cela “Cabicivai” de Pablísimo.

A Libraría Miranda organiza o 19 de decembro a presentación do libro-xogo Bruxas & Dragóns de Ledicia Costas, que será ás 17 horas. Tamén da man da Libraría Abrente, o Estaleiro de Purro acollerá o 20 de decembro ás 12 horas un “Universo de contos” con temática de Nadal.

O 22, 23 e 24 de decembro, entre as 10.30 e as 13.30 horas, haberá animación con inchable e obradoiros de Nadal para a cativada na carpa de As Lagoas, no que se farán xogos e actividades relacionadas con estas datas, e que contarán con persoal especializado en necesidades especiais.

O 26 os Bolechas visitarán a vila co espectáculo “As lamberetadas de Nadal” do que se poderá gozar ás 19 horas no Centro Social do Mar.

E a maxia tamén será protagonista coa actuación do Mago Teto e as “Novas Tolemaxias” o 29 de decembro ás 19 horas na carpa de As Lagoas; e o Mago Paco con “Xoga e maxia” o sábado 3 de xaneiro ás 12 horas.

Para despedir o ano, tamén como vén sendo habitual, Peter Punk actuará na carpa de As Lagoas o 31 de decembro ás 11.30 horas cunhas badaladas miúdas solidarias por Palestina.

Coa colaboración da Asociación Veciñal da Banda do Río, haberá unha iniciativa de debuxos animados con ilustracións, que serán o 22 de decembro pola tarde con Luís Davila e Elena Bangueses, e o 30 de decembro con Marc Taeger e Olalla González, ambos no Estaleiro.

Non se esquece tampouco o cinema. O Cineclub proxectará “Por todo o alto” o 17 de decembro ás 21 horas no Centro Social do Mar. Ademais, dende o Concello haberá cine de Nadal o 23 de decembro, con “La leyenda de Santa Claus” e “Los que se quedan”. E no Estaleiro de Purro o 30 de decembro proxectaranse curtametraxes para público infantil.

A música e os festivais de Nadal

O Nadal sempre é unha época na que a música soa por todos os recunchos, e na que moitos colectivos organizan os diversos festivais.

O 13 de decembro ás 19.30 horas será o de “Xa chega o Nadal” da Coral Polifónica de Bueu e o 20 será ás 20 horas o Festival Solidario da Asociación Española Contra o Cancro.

Ese mesmo día, e tras o éxito do ano pasado, haberá unha festa – baile en lembranza da mítica Sala Paraíso, que se celebrará na carpa de As Lagoas, e na que actuarán DJs con música para todas as idades.

O 21 de decembro, o Coro Gospel Vida fará un concerto solidario coa Asociación Protectora de Animais do Morrazo ás 20.30 horas, e o luns haberá un concerto de “Cantares e contares” do grupo Tres Pesos no Centro Social do Mar, unha actividade organizada pola Rede de Dinamización Lingüística. O 28 de decembro será o concerto da Banda de Música de Bueu ás 20 horas.

Así mesmo, dende Retrouso de Cela seguen coa recuperación do Bando de Nadal o 24 e o 25 polas rúas da parroquia de Cela.

Ademais, na madrugada do 31 de decembro, a orquestra Distrito 7 estará na carpa de As Lagoas para despedir o ano e darlle a benvida ao 2025.

E xa en Reis, a Asociación Cultural Santos Reis organiza a tradicional Romaría de Reis na contorna dos Santos Reis.

Visitas do Apalpador, Papá Noel e Reis Magos

Como cada ano, os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos.

Papá Noel estará na carpa de Nadal situada no aparcadoiro de As Lagoas o 24 de decembro entre as 16.00 e as 19.00 horas; mentres que o Apalpador virá o 26 ás 11 horas. Pola súa banda, o 5 de xaneiro está programado un recibimento cos Reis Magos que chegarán ás 11.00 h ao peirao nas embarcacións tradicionais, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, e recibirán logo aos nenos e nenas na carpa. Pola tarde, en torno ás 17.00 h, sairá a cabalgata nun percorrido polas rúas do casco urbano.

O deporte, tamén protagonista

O Nadal tamén é momento de actividades deportivas para compartir entre a cativada e as persoas adultas.

Baixo o lema de “Móvete no Nadal” haberá clases de zumba e de aquagym na piscina. As de zumba serán o 22, 23, 29 e 30 de decembro en sesións ás 10 e ás 18 horas, e as de aquagym os mesmos días con sesións ás 10 e ás 11 horas. Para ambas actividades é preciso inscribirse de balde na piscina ou no teléfono 986138689. Cada persoa poderá asistir a unha clase de cada tipo por semana.

Na piscina tamén se organizarán dous torneos de xadrez co Club de Xadrez de Bueu: un deles irá destinado aos pequenos e pequenas e desenvolverase o 20 de decembro ás 17 horas na Piscina Municipal de Bueu, e o outro, para adultos, será o 27 no mesmo espazo e á mesma hora.

O 28 de decembro, o Club de Atletismo Galaicas organiza a Carreira San Silvestre “Bye bye 2025”, que constará de andaina de 1,5 quilómetros e carreira de 2,5 quilómetros polas rúas da vila. As probas sairán ás 17.30 horas na contorna da carpa, e previamente haberá xincana infantil e moitas máis actividades, ademais de agasallos para todas as persoas participantes.

Por primeiro ano promoverase dende o consistorio un torneo de futbolín, que terá lugar o 3 de xaneiro ás 17 horas na carpa de As Lagoas, e para o que é preciso inscrición previa en cultura@concellodebueu.gal

E como cada ano, o 6 de xaneiro, Día de Reis, a Carpa de As Lagoas acolle a partir das 16 horas un campionato aberto de billarda.

Outras actividades

Como é habitual, a Asociación Cunchas e Flores elaborará unha alfombra de Nadal que se inaugurará o 16 de decembro ás 20 horas no Centro Social do Mar.

O Club Buceo Ons organizará o próximo 13 de decembro unha serie de bautismos de mergullo solidario. A actividade desenvolverase a partir das 17 horas na Piscina Municipal de As Lagoas de Bueu e as persoas que queiran participar deberán inscribirse a través do correo clubdebuceons@gmail.com. Esta actividade é de balde para persoas a partir de 8 anos, e a condición é traer un xoguete (novo ou de segunda man) que se doará a unha ONG.

E a Libraría Miranda continuará coa xeira de presentacións literarias. Entre as deste decembro estarán Comerás flores, de Lucía Solla (10 de decembro), Otra historia de la música, de El Barroquista (15 de decembro); e Luís Davila, O Bichero (20 de decembro).

Toda a programación ampliada poderase ver na páxina web do Concello (www.concellodebueu.gal) e nas redes sociais.

Publicacións Relacionadas