- O director de Turismo de Galicia, a delegada territorial da Xunta na Coruña e o director xeral de Patrimonio Cultural participaron no acto conmemorativo
- A capital de Galicia é un dos destinos máis visitados de Galicia e tense convertido nun motor clave para o desenvolvemento da comunidade
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, participaron esta mañá no acto do 40º Aniversario da Declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade. Durante a súa intervención, Xosé Merelles celebrou a efeméride que recoñece Santiago de Compostela como “un lugar testemuño vivo da historia europea e símbolo de encontro entre pobos e culturas” ao tempo que destacou a importante proxección internacional que supón para Galicia.
O director de Turismo de Galicia subliñou ademais que “Galicia é moi afortunada de poder contar no seu territorio coa cidade de Santiago de Compostela” que outorga ao destino “prestixio, identidade, conservación, progreso e presencia internacional”.
Neste sentido, destacou que “é unha das máis importantes cartas de presentación do pobo galego ante o mundo”, ao tempo que engadiu que Santiago é un dos destinos máis visitados de Galicia, “converténdose nun motor clave para o desenvolvemento da comunidade”. “É indubidable a fonte de riqueza que supón o turismo para a cidade de Santiago de Compostela”, engadiu.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia apostou por avanzar cara unha cidade que “alcance maiores fitos de sostibilidade, accesibilidade e conservación deste patrimonio de valor incalculable e que garante o progreso e benestar das cidadanía”. Neste sentido, lembrou que a capital de Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia en proxectos e iniciativas que van nesta liña “coma a futura iluminación da Catedral desde a eficiencia e o respecto polo medio ambiente”.
“Poucas cidades no mundo poden vangloriarse dunha historia e dun patrimonio monumental como o de Compostela froito, en parte, da pegada que deixaron quen chegaron a ela como peregrinos e artistas”, subliñou.



