HomePontevedraO CondadoA piscina municipal de Ponteareas convértese na máis moderna e mellor equipada...

A piscina municipal de Ponteareas convértese na máis moderna e mellor equipada de Galicia coa instalación de seis novos podios de saída

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas financiará tamén á adquisición de cinco novos mecanismos de saída específicos para a modalidade de costas (“espalda”) fundamentais tamén para as remudas

A piscina municipal de Ponteareas vén de dar un salto cualitativo e situarse entre as mellor equipadas de Galicia coa incorporación de seis novos “poyetes” de saída de última xeración. A renovación foi posible grazas ao investimento conxunto do Concello de Ponteareas, que achegou 18.143 €, do Club Natación Ponteareas, con 5.000 €, e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que contribuíu con 3.318,9 €.

O Concello informou ao Club Natación Ponteareas de que procederá tamén á financiación de cinco novos mecanismos de saída específicos para a modalidade de costas (“espalda”) fundamentais tamén para as remudas. Estes dispositivos permiten unha entrada na auga moito máis eficiente e segura, sendo fundamentais para o rendemento en competición.

Segundo o presidente do Club Natación Ponteareas, estes novos recursos poderían supoñer unha mellora nas marcas dos deportistas de ata 0,5 segundos, un avance notable nun deporte no que cada centésima conta. Ademais, os novos poyetes optimizan o impulso, incrementan a seguridade das e dos nadadores e reducen o risco de incidencias ou lesións.

A alcaldesa Nava Castro destacou a importancia de apoiar o deporte local e de dotar as instalacións municipais dos mellores recursos posibles: “Detrás de cada adestramento hai esforzo, dedicación e moito traballo. O deporte leva o nome de Ponteareas aló onde compite e atrae a numerosas persoas que acoden ás diferentes competicións organizadas polo club, dinamizando tamén a nosa vila”.

Explica o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez Carrera que a modernización dos podios de saída suporá, ademais, unha vantaxe competitiva para as e os nadadores fronte a instalacións que non dispoñen deste equipamento, posibilitando que acaden mellores marcas e ter, así, máis posibilidades de entrar en campionatos de España. Tamén permitirá que as probas organizadas na piscina municipal se revaloricen ao poder acadar mellores tempos oficiais.

Con esta mellora, a piscina municipal abre novas posibilidades organizativas e reforza a capacidade competitiva do Club Natación Ponteareas, que conta actualmente con preto de douscentos deportistas e segue consolidándose como unha das entidades deportivas máis potentes da comarca.

Alcaldesa e tenente de alcaldesa lembraron que volven apostar pola piscina municipal e solicitaron ao Plan Extra 2026 a ampliación da piscina municipal con máis dun millón de euros de investimento.

Publicacións Relacionadas