O Concello de Ponteareas rexistra sentenza favorable respecto á licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)e informa que a Sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo desestima o recurso contencioso interposto pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Xunta de Galicia, que previamente desestimara o recurso especial presentado polo sindicato sobre os pregos de contratación do Servizo de Axuda no Fogar/Dependencia (SAF).
A resolución xudicial confirma que o Concello actuou conforme á legalidade vixente, cumprindo coas obrigas de información previstas no artigo 130 da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP-2017) relativas á subrogación de persoal. En concreto, a sentenza recoñece que:
O Concello requiriu á empresa adxudicataria do servizo (Aralia Servizos Sociosanitarios) a listaxe de traballadores e as condicións laborais precisas para permitir aos licitadores valorar correctamente os custos de subrogación.
A información facilitada foi incluída nos pregos de contratación, cumprindo coa función formal e intermediaria do órgano de contratación.
Non corresponde ao Concello establecer ou modificar as condicións laborais máis aló da información facilitada, cuestión que pertence ao ámbito laboral e á xurisdición social.
O Goberno local subliña que esta sentenza ratifica que os pregos foron aprobados en conformidade coa normativa, garantindo transparencia e seguridade xurídica para os licitadores e para a continuidade do servizo esencial de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia.
Esta sentencia súmase á da Fiscalía que acordou arquivar a denuncia da CIG contra o Concello e contra a empresa concesionaria por supostas irregularidades na xestión do SAF ao non apreciar delito. Dúas sentencias que avalan o procedemento seguido polo Concello.
O Concello de Ponteareas seguirá garantindo a correcta prestación deste servizo, respectando sempre a legalidade e os dereitos laborais das persoas traballadoras subrogadas.
O Concello de Ponteareas recorda que se ampliou o contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para rematar coas listas de agarda e beneficiar arredor de 160 familias de grao II e grao III. Durante os meses de folga, só se puideron atender aproximadamente 60 persoas, o que evidenciou a necesidade de reforzar o servizo.
Co restablecemento do SAF ao completo, o Concello agarda eliminar progresivamente as listas de agarda, que é o principal obxectivo do novo contrato. Esta medida permitirá garantir unha atención máis eficaz e inmediata ás familias que precisan deste servizo esencial.



