HomeVigoNigránO concello de Nigrán acende o Nadal con chocolatada e Peter Punk...

O concello de Nigrán acende o Nadal con chocolatada e Peter Punk de anfitrión

- Anuncio -spot_img

Como xa é tradición, o clown protagonizou un espectáculo familiar e os encargados de premer o botón foron alumnos-traballadores do CEE Juan María, ao que seguí unha tirada de fogos de luces

O Concello investiu este ano 80.465 € no alumeado 100 % LED, que estará activo ata o 8 de xaneiro

A programación cultural de Nadal arranca esta mesma fin de semana con cine e concerto de corais

O Concello de Nigrán entrou oficialmente no Nadal esta tarde co seu habitual mestre de cerimonias: Peter Punk. O clown nigranés ofreceu un espectáculo familiar no Auditorio Municipal e, coa axuda de traballadores vinculados ao Centro Juan María Empleo, premeu fora o botón que acendeu todo o alumeado ornamental do municipio, momento no que se realizou unha gran tirada de fogos de luces. Despois, os asistentes gozaron dunha chocolatada, retratáronse nun fotomatón gratuíto con temática de Nadal, bailaron coa música ambiente a cargo do DJ Chimo Cabreira e, moitos deles, marcharon para casa con libros ou xoguetes de segunda man vendidos polo alumnado de 6º do CEIP Humberto Juanes no Salón de Plenos para recadar cartos para o intercambio con Manchester.

O Concello investiu este ano 80.465 € no alumeado, que estará activo ata o 8 de xaneiro. O obxectivo é promover a actividade económica e social en todas as parroquias cun produto de alto valor estético e mínimo consumo enerxético (todas son 100% LED por cuestión de eficiencia enerxética e responsabilidade medioambiental). Todas permanecerán acesas desde a mesma hora que a iluminación da vía pública e ata a 1 da madrugada, agás o 25 de decembro e 1 de xaneiro, que deberán prolongarse ata as 5:00.

Programación de fin de semana

Os cines municipais da Ramallosa serán desde este mesmo fin de semana protagonistas do Nadal máis familiar, comezando este mesmo sábado 6 de decembro con ‘Pesadilla antes de navidad’, o 13 con ‘El Grinch’, o 20 con ‘Solo en casa’, o 27 con ‘Polar express’ e, finalmente, o 3 de xaneiro con ‘Arthur Christmas’. Como todas as proxeccións infantís neste espazo público, son gratis mediante retirada de invitación na propia taquilla desde unha hora antes do comezo e ata esgotarse o aforo. A maiores, o Concello ofrece o xoves 11 de decembro ‘Plácido’ e o 18 ‘¡Qué bello es vivir!’.

As corais e a música serán outro eixo deste Nadal con concerto tamén o sábado 6 a partir das 19:30 horas no Auditorio Municipal a cargo da ‘Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán’, ‘Coro Ecos do Castelo’ e ‘Os Vagalumes’ de Chandebrito. 

Publicacións Relacionadas