HomePontevedraDezaExpoBus Iberia 2025 mostra xa o último en vehículos, equipamento, servizos e...

ExpoBus Iberia 2025 mostra xa o último en vehículos, equipamento, servizos e solucións tecnolóxicas para o transporte en autobús

- Anuncio -spot_img
  • O CERTAME FOI INAUGURADO HOXE POLO CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES DA XUNTA DE GALICIA, DIEGO CALVO
  • MAIOR EFICIENCIA, SOSTENIBILIDADE, SEGURIDADE, ACCESIBILIDADE OU DIXITALIZACIÓN, OBXECTIVOS QUE DESTACAN NAS PROPOSTAS PRESENTADAS NESTA CUARTA EDICIÓN
  • ESTA MAÑÁ COMEZOU ADEMAIS O SEU PROGRAMA DE ACTIVIDADES, CON XORNADAS TÉCNICAS, AS PROBAS DO CONCURSO MELLOR CONDUTOR/A DE AUTOCARES, CIRCUÍTO DE PROBAS E A EXPOSICIÓN DE VEHÍCULOS CLÁSICOS

A IV Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2025, arrincou esta mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA con 142 firmas expositoras de 23 países, as cales están representadas por 69 expositores directos de seis países que ocupan 8.414 metros cadrados netos. Unhas cifras que supoñen un notable crecemento do certame e converten esta edición na maior celebrada ata o momento. Así, as firmas representadas son un 10% máis que na cita de 2023, mentres que os expositores directos, de España, Portugal, Italia, Alemaña, Bulgaria e Polonia, aumentan un 11,3% e ocupan un 26,7% máis de superficie neta.

O certame, que foi inaugurado esta mañá polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, mostra ata o sábado ás 16.00h as últimas tendencias e novidades no transporte de viaxeiros por estrada.

Así, pódense ver os vehículos máis novidosos de cada marca, deçnde modelos consagrados que incorporan interesantes innovacións ata novos autobuses 100% eléctricos, híbridos, de hidróxeno ou autónomos. Tamén se pode ver o último en equipamento, sistemas, servizos e solucións tecnolóxica para as frotas das empresas de transporte de viaxeiros e os seus profesionais. Eficiencia, sustentabilidade, seguridade, accesibilidade ou dixitalización son algúns dos aspectos que destacan nas propostas presentadas nesta edición.

A esta área expositiva únese un interesante programa de actividades, o cal está en marcha dende esta mañá. Así, xa se están levando a cabo as primeiras probas do concurso Mellor Condutor/a de Autocares, que este ano se internacionaliza, pode verse a exposición de autobuses clásicos e celébranse dende primeira hora as xornadas técnicas previstas para hoxe.

Aforro enerxético, dumping social e empresa familiar

As conferencias de ExpoBus Iberia 2025 comezaron esta mañá abordando os certificados de aforro enerxético (CAEs) e a súa aplicación no transporte de viaxeiros por estrada nunha xornada organizada pola Asociación Nacional de Empresarios de Transportes en Autocares (ANETRA). Este encontro, inaugurado polo presidente desta asociación, Luis Ángel Pedrero, contou coa participación de Emérito Freire, director do Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no Sector Público do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), que explicou que son as CAEs, e con Rodrigo López, head of Origination Energy Efficiency de STX, quen presentou o proxecto “ANETRA – Fichas CAEs para Transporte RUE”. Ademais, celebrouse unha mesa redonda sobre as fichas CAEs para transporte, moderada por Raúl González, da plataforma Somos Movilidad, e coa participación de Ignacio Bendala, de MAN Truck & Bus; Juan Blanch, da empresa tecnolóxica ZF; e David Montesinos, de Pneumáticos Soledad.  A xornada foi clausurada pola directora xeral de Transporte por Estrada e Ferrocarril do Ministerio de Transporte y Movilidad Sostible, Elena María Atance.

A continuación, a Asociación de Empresas de Autocares DIREBÚS ofreceu unha xornada sobre o dumping social na que o seu director executivo, Juan Manuel Gayo, falou sobre esta práctica ilegal e ameaza real que a pequena e mediana empresa do sector do autobús sofre con maior frecuencia. Unha competencia desleal de empresas buzón estranxeiras que alteran o normal desenvolvemento da igualdade de oportunidades para realizar actividades de servizos.

O programa de xornadas de hoxe remata esta tarde coa titulada “A decisión estratéxica máis importante da empresa familiar: continuar ou vender?”. As empresas familiares teñen sufrido un momento de axitación ante a nova situación macroeconómica, na que puideron verse danados os principios e valores de orgullo familiar e legado histórico destas compañías e no que moitas familias empresarias están a vivir unha situación de ameaza da súa continuidade e outras unha clara oportunidade de crecemento e posicionamento estratéxico. Unha circunstancia que non é allea ao sector do autobús e que se aborda a través de dous relatorios “O proceso de reflexión estratéxica nas empresas familiares ante a incerteza da contorna económica” e “Canto vale a nosa empresa familiar? Crecemento inorgánico e non continuidade de ramas familiares”, xa que en ocasións determínase que a mellor alternativa é a de non continuar co legado familiar por resultar contraproducente. Son dous expertos os que imparten estes relatorios, Javier Fuentes, doutor sobresaliente Cum Laude en Ciencias Empresariais con máis de 20 anos de experiencia no sector do transporte, e Diego Garrido, licenciado en dereito que leva exercendo como consultor de empresas máis de dúas décadas, ambos os do Grupo Arte Soluciones Creativas.

Publicacións Relacionadas