Á venda as derradeiras entradas para ambos concertos
O Coliseum da Coruña pecha esta semana a súa axenda musical do 2025 con dobre actuación. Sen Senra e David Bisbal subirán ao escenario do recinto multiusos coruñés o venres 12 e sábado 13, respectivamente. As últimas entradas para ambas actuacións continúan á venda a través de diferentes plataformas de venda en liña e no despacho de billetes da praza de Ourense.
“A Coruña, de novo, amosa o seu potencial musical acollendo en exclusiva en Galicia estas actuacións de dous artistas moi destacados, froito do traballo do Goberno de Inés Rey por configurar unha programación cultural de calidade”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. A cidade será unha das catro únicas datas da xira ‘La última misa’ de Sen Senra, coa que pechará o seu proxecto PO2054AZ, que inclúe tres discos.
Recoñecido pola súa autenticidade e versatilidade, Sen Senra converteuse nunha das figuras máis destacadas da música emerxente nacional. O galego, que fusiona pop R&B e sons urbanos, colaborou con artistas de gran renome como Feid, Julieta Venegas ou Aitana.
Por outra banda, David Bisbal regresa ao Coliseum tras o seu ‘sold out’ do 2023 cun concerto moi especial. Nesta ocasión, o cantante de Almería recalará en exclusiva en Galicia na cidade coa súa nova xira ‘Todo es posible en Navidad’.
Bisbal ofrecerá un repertorio especial adaptado a dita celebración, levando as súas cancións a só 10 cidades do país. O almeriense é todo un referente da música latina e nesta última etapa da súa carreira está destacando polas súas versións de Nadal, de grande éxito a nivel mundial e que o levaron a actuar en multitudinarias celebracións vencelladas a esta época.



