HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación converte as coleccións artísticas do Museo de Pontevedra en obxecto...

A Deputación converte as coleccións artísticas do Museo de Pontevedra en obxecto de estudo nunhas xornadas de conferencias organizadas coa Universidade de Santiago

- Anuncio -spot_img

A sétima edición dos Monográficos Iacobus celebraranse os días 17 e 18 de decembro, analizando unha ducia de pezas e conxuntos custodiados polo Museo

A Deputación, a través do Museo de Pontevedra, e o grupo de investigación Iacobus da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan a sétima edición dos Monográficos Iacobus, unhas xornadas de conferencias e visitas ás obras artísticas que nesta ocasión se centrarán nas coleccións do Museo. Celebraranse no Edificio Castelao os días 17 e 18 de decembro e a inscrición xa está aberta.

Os Monográficos Iacobus, cursos que abordan a historia da arte e do patrimonio cultural galego desde diversas perspectivas, teñen o propósito de estreitar os vínculos entre a investigación desenvolvida na universidade e as institucións museísticas galegas e achegarlle este coñecemento ao conxunto da sociedade. Nesta ocasión, será o Museo de Pontevedra a sede e obxecto desta edición, que servirá tamén para homenaxear ao historiador Ramón Yzquierdo Perrín, un dos grandes estudosos do románico galego, falecido en outubro deste ano.

En dúas xornadas, o mércores 17 e o xoves 18 de decembro, desenvolveranse 12 conferencias que se aproximarán a diferentes pezas e conxuntos artísticos e nas que participarán persoas expertas tanto do ámbito universitario como de museos, especialmente conservadoras do Museo de Pontevedra. A directora do Museo, Ángeles Tilve, falará dos pintores viaxeiros do século XIX en Pontevedra, e Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago, disertará arredor do conxunto escultórico da fachada exterior do Pórtico da Gloria, ao que pertencen as esculturas dos profetas Enoc e Elías que o Museo acaba de volver incorporar á súa exposición permanente.

Pola súa parte, o profesor José Manuel García Iglesias centrará a súa intervención nun debuxo de Federico Guisasola, José Manuel López Vázquez nunha pintura de Manuel López Garabal e Juan Monterroso Montero falará das felicitacións de nadal como xénero no Museo de Pontevedra. Son só algúns exemplos das intervencións previstas, que se achegarán tamén ao tímpano de San Martiño de Moaña, as Ruínas de San Domingos, á colección de medallas de Blanco Cicerón, ao sepulcro de Suero Gómez de Sotomayor e ás obras de Julio Prieto Nespereira, Francisco Lloréns ou Xoán Piñeiro, ademais de a diferentes aspectos da obra de Castelao.

O formato das xornadas combina dúas partes. As conferencias, que abordan de maneira monográfica a obra dunha ou dun artista ou peza presente na colección do museo, complétanse cunha segunda parte dedicada ao encontro directo coas obras, na que as e os relatores afondan na súa explicación diante das obras.

A inscrición ás xornadas é gratuíta e está aberta a través da web do Museo ata o 14 de decembro. Ademais de emitirse certificado dixital de asistencia por 15 horas, a actividade está recoñecida para os programas de doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte e en Estudos Medievais da Universidade de Santiago de Compostela.

Publicacións Relacionadas