- Suspéndese a actividade no exterior nos centros educativos e a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior
- Mantense tamén o nivel de aviso laranxa no litoral por temporal costeiro e nos concellos afectados cancelouse a actividade deportiva federada no mar
- Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
- Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
A Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da provincia da Coruña. Ademais, mantense o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa por vento activarase desde últimas horas do día de hoxe e agárdanse refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora. Ademais, mantense o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e de Lugo por ventos do sur ou suroeste de ata forza 9 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata sete metros.
Debido á alerta laranxa por vento, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender ata as 16,00 horas de mañá martes, día 9, as actividades no exterior dos centros educativos en dúas zonas: Oeste da Coruña (Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas) e Suroeste da Coruña (Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois).
Do mesmo xeito, segundo as previsións dos órganos preditores, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa Xogade que se realicen no exterior, desde a medianoite ata as 15,00 horas do martes no oeste e noroeste da Coruña e desde a medianoite ata as 9,00 horas no suroeste coruñés. A actividade deportiva federada e Xogade no mar suspéndese ata o remate do martes desde as 9,00 horas no oeste da Coruña (Costa da Morte), desde as 10,00 horas no noroeste desta provincia e desde as 12,00 horas no suroeste coruñés, Rías Baixas e Miño de Pontevedra. Na Mariña de Lugo a suspensión vai desde esta medianoite ata as 14,00 horas do martes.
A Xunta lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Ademais, sinálase a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.



