FUNCIÓN DA OBRA “SORPRESAS DE NADAL” A CARGO DO GRUPO DE TEATRO “O MERLO” DO CEIP AS COVAS DE MEAÑO O DOMINGO 14 DE DECEMBRO ÁS 18.00 H NO CENTRO SOCIAL DE DENA-MEAÑO COA COLABORACIÓN DO CONCELLO DE MEAÑO.
O domingo 14 de decembro ás 18.00 h no Centro Social de Dena – Meaño, o grupo de teatro “O Merlo” do CEIP As Covas de Meaño porá en escena a obra “Sorpresas de Nadal”, adaptación colectiva dunha peza creada por Carlos Yus e María Campos, fundadores da compañía Migallas Teatro.
Nesta peza abórdanse con humor cuestións como a solidariedade e a colaboración fronte á competición; a importancia da aprendizaxe lúdica; o sexismo nos xoguetes; o valor da imaxinación no xogo fronte ao consumismo etc.
O grupo de teatro “O Merlo” está formado na actualidade por un total de 16 nenas, nenos, nais, pais, avoas e avós da comunidade educativa do CEIP As Covas de Meaño.
O grupo fundouse en outubro de 2024 a raíz da actividade “Xoguemos ao teatro!” coordinada por Carlos Yus e durante o curso actual 2025-2026 desenvólvese dentro das actividades organizadas pola ANPA “A Toxa” do mesmo centro educativo.
A actuación do domingo 14 conta coa colaboración do Concello e Meaño e enmárcase dentro da Programación de Nadal-Meaño 2025 organizada por este Concello.



