O almanaque distribuirase nos próximos días en quioscos, librarías e comercios da cidade
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mediodía no Salón de Sesións do Palacio Municipal o acto de entrega de premios do concurso fotográfico que dará forma ao Calendario Municipal 2026, unha iniciativa xa consolidada como tradición na cidade e que cada ano conta coa participación de ducias de persoas afeccionadas á fotografía.
O calendario deste ano, que leva por lema “Cidade sen fin”, está composto por 13 imaxes seleccionadas polo xurado entre as numerosas propostas recibidas. Cada mes ofrece unha visión actual da cidade, en diálogo con imaxes históricas da colección particular de Pedro Puig de Llano, creando así unha viaxe visual entre pasado e presente.
Durante o acto, fixéronse entrega dos diplomas acreditativos ás persoas gañadoras, así como dos premios correspondentes: dous libros de fotografía, dez exemplares do calendario e dúas tarxetas “Vente” para acceder gratuitamente durante un ano aos Museos Científicos Coruñeses.
Os libros escollidos nesta edición son obras de dúas grandes fotógrafas recoñecidas a nivel internacional: Cristina García Rodero, primeira española en formar parte da prestixiosa axencia Magnum Photos, e Graciela Iturbide, galardoada co Premio Princesa de Asturias das Artes 2025. Dúas veteranas da fotografía que deixaron unha pegada profunda no relato visual do mundo contemporáneo.
As imaxes que compoñen o calendario foron seleccionadas por un xurado formado por profesionais da fotografía e representantes da corporación municipal. No acto de entrega de premios estiveron presentes algúns dos membros que participaron no proceso, como os fotoxornalistas César Quian e Víctor Echave e Pedro Puig, así como os concelleiros Francisco Jorquera e Roberto Coira.
As persoas autoras das imaxes que ilustrarán o calendario municipal do 2026 son:
● Portada: Chencho Mendoza
● Xaneiro: Patricia Fontanilla
● Febreiro: Pablo Briones
● Marzo: María José Vázquez Pazos
● Abril: Iván Ponte
● Maio: Alberto Vázquez
● Xuño: Mónica Rial Dosil
● Xullo: Sindo Novoa
● Agosto: Ignacio Fernández
● Setembro: Javier Castelo
● Outubro: Eva Márquez Mosquera
● Novembro: Manuel Candal
● Decembro: Soraya Sampedro
Na súa intervención final, a alcaldesa destacou o valor do calendario como unha mostra do orgullo e da identidade coruñesa, e sinalou que, “aínda que A Coruña medra e cambia, nunca perde a súa esencia”, unha idea que, segundo explicou, se reflicte nas imaxes seleccionadas nesta nova edición.
O calendario estará dispoñible nos próximos días en librarías, quioscos e comercios da cidade.



