O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López recolleron hoxe o recoñecemento no acto celebrado en Madrid.
O Concello da Laracha recibiu hoxe en Madrid o distintivo de Cidade Amiga da Infancia, concedido por UNICEF España e que recoñece o compromiso firme e continuado do municipio cos dereitos, o benestar e a participación das nenas, nenos e adolescentes.
A Laracha foi un dos dous concellos galegos recoñecidos este ano, un feito que reforza a relevancia do traballo realizado e consolida o papel do municipio dentro desta rede estatal.
O alcalde e a edil Rocío López representaron ao Concello no acto institucional, no que recibiron o diploma acreditativo de mans dos representantes de UNICEF España. Durante a entrega, destacouse o esforzo da Laracha por avanzar na implantación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA) e por consolidar unha cultura municipal baseada na participación activa e real da infancia. De feito, a actividade do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA), o reforzo das políticas locais centradas nos máis novos e a visión transversal da infancia e da adolescencia dentro da acción municipal foron elementos chave no proceso que posibilitou a obtención deste distintivo.
O alcalde considera que “este é un premio ao esforzo que desde o Concello estamos a facer no presente para poñer á infancia e á adolescencia no centro das políticas municipais, pero sobre todo é unha porta aberta ao futuro. Temos unha infancia activa, creativa e implicada, e o noso deber é seguir construíndo espazos onde poidan expresarse, participar e crecer en liberdade, seguridade e felicidade”. López Varela concluíu afirmando que “este recoñecemento, que nos enche de orgullo como Concello, é o premio ás políticas municipais, pero tamén aos nenos, nenas e adolescentes da Laracha, porque son eles quen nos inspiran cada día a mellorar”.
Como Cidade amiga da infancia, o Concello reafirma o seu compromiso con continuar avanzando neste eido impulsando iniciativas, escoitando propostas e fortalecendo un modelo municipal que sitúe ás nenas, nenos e adolescentes no centro da acción política local.
Pódese ampliar información sobre o acto de hoxe aquí: https://n.unicef.es/optiext/optiextension.dll?ID=Icl8EIyUKfyH1q83wiEs7ob1mlljSxtlTacGrZeGf21W7zJL6rcnfJZqKNHDO8arq-d0pGPF3qt_wE1q7bY



