HomePontevedraO BNG de Vigo reclama garantías de continuidade para o persoal de...

O BNG de Vigo reclama garantías de continuidade para o persoal de CEDRO ante a súa absorción polo Sergas

- Anuncio -spot_img

Alerta de que 21 traballadoras e traballadores da empresa EULEN, contratada polo Concello e que asumen o groso da actividade asistencial da unidade de drogodependencias, poden perder o posto de traballo en febreiro de 2027

A fronte nacionalista rexistrou unha emenda para incluír unha cláusula con garantía de continuidade para o persoal no acordo que deberá adoptar o Pleno este mércores

Xabier P. Igrexas: “Sería inxustificábel, irresponsábel e inxusto que o Concello, que xestiona CEDRO desde 1985, se desentenda agora do futuro destas traballadoras e traballadores”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo advertiu hoxe de que o proceso de absorción de CEDRO, a unidade asistencial de drogodependencias da cidade olívica, por parte do Sergas corre o risco de se converter nunha “saída en falso” se non se garante a continuidade laboral das 21 traballadoras e traballadores que forman parte do cadro de persoal da empresa EULEN, contratada polo Concello e encargada da maior parte da actividade asistencial.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, defendeu que esta integración na rede sanitaria pública, é “un paso necesario e positivo que o BNG leva anos defendendo”, mais advirte de que non pode supoñer “deixar no limbo a un persoal de longa traxectoria de servizo e cun papel determinante na atención ás 1.500 persoas usuarias de CEDRO”.

Sen garantías

Segundo explicou Igrexas, que mantivo unha xuntanza cunha representación do persoal afectado, a proposta que o Goberno municipal levará mañá a un Pleno extraordinario prevé unicamente que o Sergas asuma o contrato de xestión externalizada até o 28 de febreiro de 2027. Mais, ao contrario do que sucede co persoal municipal de CEDRO —que será absorbido polo Sergas ou recolocado polo Concello—, non se establece ningunha garantía para o persoal de EULEN.

Nin o convenio de aplicación nin o prego do contrato municipal recollen obriga de subrogación, polo que chegado 2027 o persoal pode quedar sen posto de traballo. Feito que comprometería tamén a continuidade asistencial por parte dunha “equipa mutidisciplinar cohesionada e experimentada”.

Igrexas denunciou ademais a “opacidade absoluta” que, segundo o propio persoal, caracterizou as negociacións entre Concello e Sergas, xerando unha situación de “agonía e incertidume” para as 21 persoas afectadas.

Emenda do BNG

Co obxectivo de impedir esta situación, o BNG presentou un voto particular que debe ser debatido e votado polo Pleno, propoñendo introducir unha nova cláusula nos acordos municipais. A mesma indica expresamente que  “en relación ao persoal vinculado aos contratos que son obxecto desta sucesión, deberán adoptarse todas as medidas necesarias para garantir a súa continuidade quer a través da súa subrogación no caso de se prolongar a xestión externalizada, quer a través da fórmula de contratacións laborais a extinguir no caso de se internalizar e pasar a xestión pública directa”.

A emenda procura garantir que se o Sergas mantén a xestión privatizada, opción que o BNG considera inxustificada, en todo caso un eventual cambio de empresa non implique despedimentos. E, sobre todo, a cláusula proposta polo BNG blindaría que de se avanzar cara a unha xestión 100% pública, o persoal actual de CEDRO poida incorporarse ao Sergas mediante contratos laborais a extinguir, asegurando continuidade e estabilidade. Unha fórmula “perfectamente legal” e que o Sergas xa aplicou no desmantelamento das fundacións dos hospitais comarcais, en Galaria ou co MEDTEC, lembran.

O Concello non pode desentenderse

Igrexas considera “inxustificábel, irresponsábel e inxusto que o Concello, que xestiona CEDRO desde 1985, se desentenda agora do futuro profesional destas traballadoras e traballadores, deixándoos ante o risco real de perder o seu emprego en pouco máis dun ano”.

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG lembrou que a concellaría de Política Social trasladou ao persoal de CEDRO o seu apoio para evitar despedimentos. “Se ese apoio é real e non só unha declaración para quedar ben, confiamos en que o PSOE votará a prol da nosa emenda”, remachou.

Publicacións Relacionadas