O Concello de Covelo, a través da Concellería de Cultura, anuncia que este sábado gozaremos dunha nova proposta teatral no Auditorio Municipal coa representación de Neura, a última comedia de Ste Xeito Producións, que chega ao noso municipio dentro do circuíto cultural +Escénicas.
Neura é unha comedia neurótico-festiva que aborda a saúde mental desde o humor, a ironía e a vida diaria. A obra preséntanos a Edu e Sonia, dous protagonistas que conviven con pequenas neuras propias e alleas: manías, obsesións e costumes que ás veces intentan ocultar e outras mostran con orgullo. O seu pasado en común, marcado polo amor, o desamor e esas mesmas neuras, sitúaos hoxe nunha relación indefinida, esa categoría tan habitual que chamamos ex: persoas das que sabemos case todo, pero ás que tratamos como se fosen estrañas.
O azar fai que se reencontren en distintas situacións, obrigándoos a poñer de novo a proba a compatibilidade das súas peculiaridades. Cun ritmo áxil, humor desenfadado e diálogos que conectan co público, Neura propón unha reflexión divertida e accesible sobre como convivimos coas nosas propias manías e coas dos demais.
A representación terá lugar este sábado 13 de decembro de 2025 ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Covelo. A función, recomendada para maiores de 12 anos e cunha duración aproximada de 1 hora e 15 minutos, contará con entrada libre ata completar aforo.
O espectáculo chega a Covelo da man do circuíto +Escénicas da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa consolidada que leva anos apoiando a programación cultural dos concellos máis pequenos da provincia. Este programa impulsa a difusión das artes escénicas en galego e promove que veciñanza de todos os lugares teña acceso a propostas profesionais de teatro e danza.
O Concello de Covelo anima a toda a poboación a achegarse ao Auditorio Municipal e a gozar desta comedia fresca, divertida e moi humana, que promete unha tarde de teatro para rir e identificarse coas nosas pequenas grandes neuras.



