- A Xunta apoia o certame a través da convocatoria anual de axudas a festivais audiovisuais, que este ano destinou 300.000 euros a dez eventos estratéxicos
- A primeira proxección en Galicia do último filme de Anxos Fazáns recibe esta noite o público e ‘Así chegou a noite’, de Ángel Santos, será a película de clausura, dous títulos producidos con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
O festival Novos Cinemas abriu esta noite en Pontevedra a edición do seu 10ª aniversario coa estrea en Galicia de As liñas descontinuas, o último filme da cineasta marinense Anxos Fazáns con produción de Sétima, que contou con subvención da Xunta de Galicia para a súa realización. Esta é a primeira cita do evento que ata o 14 de decembro se desenvolverá na cidade do Lérez combinando a presenza de voces destacadas do cinema europeo máis emerxente cunha ampla representación galega nas diferentes seccións de exhibición e formación audiovisual.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto inaugural que tivo lugar no Teatro Principal, onde subliñou o papel esencial de Novos Cinemas como espazo que aposta polo risco creativo, por poñer a pedagoxía no centro da programación e polo intercambio profesional que lle brinda ao talento galego, así como pola visibilidade que lles dá aos novos formatos e voces do panorama actual. Neste sentido, cualificou o evento de “útil e comprometido”, tanto polo espazo que se lles facilita a todos os axentes profesionais do sector como pola súa conexión polas novas xeracións do audiovisual galego. Lembrou tamén que esta cita forma parte dos certames que cada ano vén apoiando o Goberno galego a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais, unha liña que en 2025 distribuíu 300.000 euros entre 10 eventos estratéxicos neste eido.
A actual edición de Novos Cinemas, que entregou a pasada semana o seu I Premio de Cinematografía á directora catalá Carla Simón, celebra a súa década de traxectoria cun amplo programa que continúa a apostar pola unión entre a formación continua, a promoción sectorial e a exhibición cinematográfica como camiños para detectar o talento máis emerxente, tanto o galego como o de fóra da nosa Comunidade.
Peche e competición tamén con produción galega
A celebración dos dez anos do festival abrirase e pecharase con dúas longametraxes dirixidas por cineastas do país un xesto que reafirma a vontade de Novos Cinemas de compartir e promover a creación audiovisual galega. Así, o público reunido hoxe puido gozar da primeira proxección en Galicia de As liñas descontinuas, segunda longametraxe de Anxos Fazáns, realizada con subvención da Xunta á súa produción, escrita e desenvolvemento. O filme, rodado na provincia de Pontevedra, ofrece un retrato íntimo dun encontro azaroso entre dúas persoas que atravesan unha encrucillada vital común. Cun guión premiado no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón, destaca pola súa delicada exploración da palabra, do xesto e da mirada como espazos expresivos.
Aínda que o festival pechará o domingo 14 con varias sesións de curtametraxes, a clausura oficial do 10º Novos Cinemas será o día 13 no Teatro Principal pontevedrés, e estará a cargo de Así chegou a noite, terceira longa de Ángel Santos, que tamén contou con axuda da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a súa realización. Presentada, así mesmo, no encontro asturiano e na última edición do festival Cineuropa de Santiago de Compostela, a película explora o universo emocional dunha xeración marcada pola hiperconectividade, o silencio e o peso da autoesixencia, nun diálogo poético entre figura e paisaxe que se inscribe nas correntes contemporáneas do cinema de autor.
Ademais das obras ideadas e desenvolvidas en Galicia, que poboan a Sección Oficial e a Sección Ágora, a carteleira de Novos Cinemas 2025 reborda os límites xeográficos e estéticos cun especial tratamento á cinematografía iberoamericana e con obras procedentes de países tan afastados como Malaisia, Irán ou Australia.



