HomeXunta de GaliciaLópez Campos aplaude os recentes éxitos do audiovisual galega no pase especial...

López Campos aplaude os recentes éxitos do audiovisual galega no pase especial en Pontevedra de “Me has robado el corazón”

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu á proxección que reuniu no Museo de Pontevedra o equipo desta película, filmada en Galicia cunha das subvencións da Xunta para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade
  • Óscar Casas e Ana Jara protagonizan esta comedia romántica, producida pola compañía galega Ficción Producciones para Sony Pictures e que xa se pode ver nas salas españolas

O equipo da película Me has robado el corazón, rodada en Galicia co apoio da Xunta, volveu reunirse esta tarde para o pase especial que tivo lugar no Museo de Pontevedra coincidindo coa chegada ás salas desta comedia romántica, que xa pode verse desde o pasado venres en numerosas salas de toda España. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou nesta presentación incidindo no bo facer e contrastada capacidade do audiovisual galego, que se reflicte tanto nas súas destacadas estreas deste outono como nos múltiples recoñecementos a nivel nacional e internacional.

É o caso de Me has robado el corazón, de Ficción Producciones en asociación con Sony Pictures Entertainment Iberia, que é así mesmo unha das seis producións subvencionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria de 2024 do fondo para a atracción de rodaxes a Galicia. López Campos felicitou a todas as persoas que fixeron posible a súa chegada á gran pantalla, comenzando por Mamen Quintas e Julio Casal na produción executiva, Chus Gutiérrez na dirección e Ana Jara e Óscar Casas como dúo protagonista.

O titular de Cultura do Goberno galego subliñou o cada vez máis firme posicionamento do noso talento e da nosa industria audiovisual á fronte de producións de primeira orde, tanto desde o punto de vista artístico como técnico. Referiuse, así mesmo, á intensa actividade de rodaxe que están a ter lugar na nosa Comunidade co apoio da Xunta, como a da segunda temporada de Punto Nemo, tamén con Ficción Producción á cabeza.

Comedia romántica con toques de ‘road movie’

Me has robado el corazón é unha idea orixinal do pontevedrés Alberto Arruty, inspirada nun titular real sobre un caso ocorrido nos Estados Unidos. Trátase dunha comedia romántica, con toques de road movie, na que Óscar Casas interpreta a Eric, un mozo enxeñeiro que coñece a Vera (Ana Jara) nunha aplicación de citas e a convence para que sexa a súa condutora na súa fuxida cara a Galicia tras roubar un banco en Madrid.

Nomes tan coñecidos do noso audiovisual como Luis Zahera, Miguel de Lira, Raquel Espada, Lucía Veiga ou Monti Castiñeiras forman parte do reparto xunto ao cómico e coñecido influencer galego Xurxo Carreño e a Antonio Pagudo, Ana Milán, Arturo Valls, Alba Gutierrez, Mario Marzo, Pol Granch, Juan Amoedo ou Francis Lorenzo, entre outros.

Me has robado el corazón contou cunha axuda de 300.000 euros do fondo posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, co fin de atraer filmacións de películas e series á nosa Comunidade, tanto de produtoras galegas como do resto de España e Europa.

Sony Pictures distribúe o filme, que tamén coa participación de RTVE e TVG, así como de Prime Video, onde poderá verse tras o seu paso polos cines de toda España.

Publicacións Relacionadas