HomePontevedraDezaOs visitantes de ExpoBus Iberia viaxan ao pasado nunha mostra con preto...

Os visitantes de ExpoBus Iberia viaxan ao pasado nunha mostra con preto de trinta autobuses de entre 1908 e 1991

- Anuncio -spot_img

EXPÓÑENSE PEZAS ÚNICAS, MODELOS PIONEIROS EN CANTO A PRESTACIÓNS OU CON INTERESANTES CURIOSIDADES QUE SON O REFLEXO DUNHA ÉPOCA

A IV Feira do Transporte de Viaxeiros por Estrada, ExpoBus Iberia 2025, a cal se celebra dende onte e ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, convida estes días aos visitantes a viaxar ao pasado a través da súa exposición de clásicos con vehículos fabricados entre 1908 e 1991.

Esta mostra, a maior da feira ata o momento, contará con preto de trinta autobuses. Nela poden verse vehículos espectaculares, como un dos primeiros autobuses que existiron no mercado, un Ford T de 1908 que contaba con 12 asentos aínda de madeira, ou un Hispano Suíza T-69 de 1935 pero que non puido ser carrozado e matriculado ata 1941 debido á Guerra Civil. Este último, que segundo os datos dos seus propietarios é o único deste modelo que se conserva na actualidade, diferenciaba tres clases.

Tamén hai outros orixinais vehículos de case todas as décadas do século pasado. Algúns son autobuses míticos polos cambios que introduciron, outros son modelos especiais e outros inclúen detalles adiantados ao seu tempo.

Entre eles exponse un Mercedes O-3500 do ano 1951 con 31 prazas que alcanzaba o 80km/h de velocidade cando poucos o facían, un Pegaso Comet de fabricación galega do ano 1987 que era especial por ser máis pequeno do habitual neste modelo, un Setra S9 de 1964 que xa contaba con xanelas no teito ou un Pegaso 5061/DR tipo Comet con carrocería liña Arousa de 1975 con estrutura de gran resistencia, xanelas en dúas partes con cortinas de Ottomán, fechaduras especiais nas portas ou cadro de mandos con acabado especial a base de taboleiro estratificado. Tamén se mostra un Setra S-6 de 1963, modelo que se presentou como o primeiro autobús compacto no Salón de Xenebra de 1955 e se converteu no preferido das compañías chárter pola súa luxosa estética e gran superficie acristalada, un Mercedes Benz O-3500 carrocería Vetter de 1953 que era un vehículo adiantado ao seu tempo polos seus extras e novidades, como cristais alpinos tintados de verde, butacas de moqueta ou floreiro, ou un Setra S-215HD Tornado de 1991, o cal supuxo un cambio de concepto e un salto ao autobús moderno en todos os aspectos, desde o equipamento ata a motorización, suspensión ou climatización.

Algúns adicáronse ao longo percorrido tanto por España como realizando viaxes a Francia, Portugal, Italia ou Países Baixos, mentres que outros prestaron servizo en liñas regulares e roteiro escolar.

Reflexo dunha época

Estes vehículos, unhas veces rescatados polas empresas da súa propia frota, outros adquiridos a outras compañías ou salvados de despezamentos, contan unha historia que non acaba naqueles servizos que fixeron no seu día, senón que hoxe representan a imaxe dunha época en películas, series de televisión, ou eventos, ademais de ser protagonistas en festas e vodas.

Así, alúganse, xa que, cunha lexislación especial, poden circular. Películas como Palmeras en la Nieve ou A Esmorga, series como Velvet ou Pazo de Familia, ou anuncios publicitarios de distintas marcas, contaron con estas pezas de museo.

Estes magníficos vehículos pertencen a oito empresas que dedicaron moito tempo, esforzo e enxeño para restaurar estes autocares, converténdoos en auténticas xoias sobre rodas. Son de Empresa Cuiña e Transportes Mosquera (ambos do grupo Autocares Rías Baixas), Autocares Lázara, Autocares Meijide, Empresa Lázara, Autocares de Santiago, Autobuses Juan e de Avelino Garrido, da antiga Empresa Garrido.

Publicacións Relacionadas