HomeO MorrazoBueuO alcalde de Bueu reivindica o Enleito pola recuperación dun espazo para...

O alcalde de Bueu reivindica o Enleito pola recuperación dun espazo para a convivencia

- Anuncio -spot_img
  • A Praza do Enleito acolleu un acto de inauguración no que participaron a arquitecta redactora do proxecto e a deputada da Área de Cooperación cos Municipios, ademais da veciñanza do lugar
  • Félix Juncal destacou que “quixemos recuperar espazo público para recuperar a vida en comunidade”

O Concello de Bueu organizou este venres, 21 de novembro, a inauguración das obras de mellora de mobilidade do lugar do Enleito, un acto que serviu para celebrar esta actuación que supuxo “un antes e un despois” para a veciñanza. Así o cualificou Félix Juncal, alcalde da vila, no acto que se celebrou pola tarde diante da veciñanza do lugar e no que tamén participaron María Pilar Ramallo Vázquez, deputada da Área de Cooperación cos Municipios da Deputación de Pontevedra, e Iria Pazos Neira, arquitecta e redactora do proxecto, e concelleiros e concelleiras da corporación.

O acto comezou coa intervención da arquitecta, quen explicou a xénese do proxecto, os problemas que se afrontaban e as solucións técnicas que se adoptaron co obxectivo de acoller as propostas da veciñanza e humanizar este espazo. Precisamente fixo fincapé en que “partiamos dunha situación moi deficiente, cunha pavimentación moi deteriorada e na que urxía adoptar unha solución que atendese as demandas e preocupacións veciñais”. Entre os cambios que se acometeron, e que a arquitecta destacou, están a construción dunha plataforma única para mellorar a accesibilidade e favorecer a convivencia entre vehículos e persoas, poñer en valor o patrimonio co cruceiro e a fonte pública, o muro de dúas alturas a través do que se creou unha gran praza, o soterramento das tuberías de conexión e arquetas para eliminar o cableado, e a inclusión dunha canaleta subterránea para recoller as augas da zona que supoñían un problema.

A continuación, María Ramallo destacou o investimento da Deputación de Pontevedra nesta obra de preto de 270.000 €, e apelou á veciñanza para que “sintades orgullo e coidedes o barrio e a contorna, que vos unades todos e todas e que así dure moito tempo”.

Diante dunha trintena de persoas veciñas do lugar, por último falou o rexedor, quen reivindicou a praza coma “a recuperación dun espazo de convivencia que representa moito da evolución histórica do barrio do Enleito”. Así mesmo agradeceu á veciñanza pola paciencia ante os atrasos que sufriu a obra ao longo da execución debido. E continuou dicindo que “agora este lugar é voso, pois quixemos recuperar espazo público para recuperar a vida en comunidade, polo que agora tedes este lugar para desfrutar conversando, vendo os rapaces e tamén con espazos para sentarvos”. 

A actuación do Enleito, rematada a principios do mes de outubro, supuxo unha mellora desa zona cun cambio de pavimentación a través dunha plataforma única na que o espazo peonil e o vehicular se sitúan á mesma altura, a colocación de mobiliario urbano, a ampliación da iluminación e nova sinaléctica. Todas esas actuacións tiñan como obxectivo reurbanizar e humanizar o espazo, así como incrementar a seguridade, o que se conseguiu coa construción dun talude a dúas alturas pola parte traseira da Casa da Música. Con iso tamén foi posible a ampliación da superficie da Praza, poñendo en valor outros elementos catalogados como a fonte e o cruceiro. A superficie na que se actuou aproxímase aos 1.315,15 m2, e foi acometida pola empresa EC Casas co financiamento do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra

Publicacións Relacionadas