- O DOG publica a contía deste sistema de compensación, fixado nun 8% do importe total certificado en 2024 polos colexios de avogados e de procuradores da comunidade
- A este importe sumaranse as ordes de compensación a ambos os colectivos no ámbito da quenda de oficio, que en 2026 conta cun orzamento de 18,5M€, un 20% máis que este ano
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a cantidade para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais do servizo da asistencia xurídica gratuíta, que se fixa nun 8% do importe total certificado en 2024 polos colexios de avogados e de procuradores da comunidade en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón máis de 1,1 millóns de euros.
Este sistema de compensación efectúase de conformidade co Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño e tamén polo que Decreto 134/2017, do 7 de decembro, que no seu artigo 45 recolle que a Consellería competente en xustiza asumirá anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de profesionais para atender os gastos derivados do funcionamento da infraestrutura colexial, que requiren os servizos de asistencia xurídica.
A este importe sumaranse as ordes de compensación a ambos os colectivos no ámbito da quenda de oficio, que en 2026 conta cun orzamento de 18,5 millóns de euros. Esta cifra representa unha suba do 20% con respecto á contía deste ano. Neste marco de acción cómpre lembrar que Galicia é referente en asistencia xurídica gratuíta grazas á vontade de diálogo que a Xunta mantén cos profesionais da avogacía e a procuradoría.
A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, que considera fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Así, sitúase entre as comunidades autónomas cos baremos máis elevados, é unha das máis áxiles no seu pagamento e inclúe conceptos que non se recollen na normativa estatal, mediante convenio.



