Lucía Santos: “Non é asumible que o centro máis novo do concello continúe sen un servizo básico de abastecemento de auga; o CEIP de Ardán merece o mesmo trato e os mesmos recursos ca calquera outro colexio de Marín”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará, na próxima sesión plenaria celebrada o xoves 11 de decembro, unha moción para demandar a conexión inmediata do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Ardán á rede municipal de abastecemento de auga, co obxectivo de garantir un servizo básico e imprescindible que o centro leva anos reclamando.
O CEIP de Ardán depende actualmente dun pozo que resulta insuficiente, especialmente coa chegada da primavera, cando o caudal diminúe e provoca interrupcións no servizo. Estes problemas afectan de maneira directa ao funcionamento diario do colexio, á hixiene do alumnado e ao servizo de comedor escolar, fundamental para moitas familias. A situación é especialmente grave tendo en conta que, antes da pandemia, unha inspección sanitaria detectou importantes deficiencias no sistema de subministro e chegou a impoñer unha sanción ao centro educativo, sen que isto motivase unha solución definitiva por parte do Concello.
A moción da formación nacionalista recolle dúas medidas principais. Por unha banda, insta ao goberno local a realizar a conexión definitiva do CEIP de Ardán á rede municipal de abastecemento para garantir un subministro constante e seguro. Por outra, mentres non se execute esta actuación, solicita a instalación de depósitos de almacenamento e sistemas provisionais que aseguren o abastecemento continuo e eviten novos episodios de falta de auga.
Para o BNG, resolver esta situación é unha cuestión de responsabilidade municipal e unha actuación claramente prioritaria para garantir a igualdade entre o alumnado de todas as parroquias. “Non é asumible que un dos centros máis recentes en construírse, con máis de trinta anos de actividade, continúe sen un servizo básico de abastecemento de auga. O CEIP de Ardán merece recibir o mesmo trato e os mesmos recursos ca calquera outro centro escolar de Marín”, afirmou a portavoz municipal Lucía Santos.
O grupo nacionalista fai un chamamento ao goberno local para que actúe con dilixencia e poña fin a unha problemática que leva demasiado tempo sen resolverse, garantindo que o centro poida desenvolver a súa actividade educativa con normalidade e en condicións dignas.



