HomePontevedraCaldasO PSOE alerta dunha alarmante subida de impostos para cubrir o déficit...

O PSOE alerta dunha alarmante subida de impostos para cubrir o déficit orzamentario do Concello

- Anuncio -spot_img

Alberto García afirma que o alcalde pode reducir gastos para equilibrar as contas ou incrementar os ingresos e “xa decidiu; vai saquear os petos da veciñanza”

O alcalde recorrerá á subida do IBI e das taxas municipais como única vía para afrontar o déficit económico que arrastra o Concello, cifrado en máis de 473.1190 euros. Así reza nun dos decretos da Alcaldía, datado o 30 de novembro e levado ao último pleno, no que o rexedor trasladou á Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos esta alternativa, que supón trasladar a carga financeira directamente aos veciños. Alberto García, portavoz socialista, cualifica esta decisión como “un saqueo aos petos da cidadanía” e denuncia a falta de capacidade de xestión do alcalde.

O socialista lembra que nos últimos meses diferentes organismos —o Tribunal de Contas, o Tesouro da Xunta e o Ministerio de Facenda— reclamaron á Alcaldía a presentación das contas anuais de 2024, pendentes de regularización. “Non se trata dun capricho da oposición, senón dunha obriga legal que o alcalde leva meses incumprindo”, subliña.

Ademais, García acusa ao rexedor de falsear datos ao asegurar que cumpre coa regra de gasto, cando a realidade é que non se pagaron créditos en curso e se solicitou un novo préstamo. “É unha mostra evidente da nula capacidade de xestión e da irresponsabilidade coa que se está gobernando Catoira”, engadiu, como demostra o feito de rexistrarse durante dúas anualidades consecutivas un remanente de tesourería negativo, cando nunca antes se dera unha situación similar.

O PSOE local insiste en que a situación financeira do Concello require medidas serias e transparentes, e non a subida indiscriminada de impostos. “O alcalde ten que asumir responsabilidades e deixar de botar balóns fóra culpando a débedas herdadas. O que está en xogo é a solvencia e o futuro de Catoira”, conclúe García.

Publicacións Relacionadas