HomeXunta de GaliciaGalicia cerra 2025 con máis licenzas deportivas ao achegarse a case 322.000

Galicia cerra 2025 con máis licenzas deportivas ao achegarse a case 322.000

- Anuncio -spot_img
  • O secretario xeral para o Deporte compareceu hoxe no Parlamento galego para facer balance deportivo deste ano, asegurando que a competición galega foi máis ampla, máis igualitaria e máis competitiva
  • José Ramón Lete Lasa destacou os investimentos máis relevantes do exercicio, como as obras de eficiencia enerxética e renovación da pista de atletismo no CGTD, a reforma do estadio Anxo Carro de Lugo ou a mellora do polideportivo de Elviña II na Coruña

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para facer balance deportivo de 2025, asegurando que foi un “bo ano en termos deportivos”, onde a “competición deportiva galega foi máis ampla, máis igualitaria e máis competitiva, froito das políticas públicas levadas a cabo dende a Xunta de Galicia”.

Segundo datos facilitados polas federacións deportivas galegas, Galicia vai pechar 2025 con 321.986 licenzas deportivas, 2.315 máis que en 2024, o que supón un crecemento de cerca dun punto, xa que o ano pasado se cerrou con 319.671 licenzas de deportistas, árbitros e adestradores. Así mesmo, como explicou o secretario xeral, o deporte galego medrou en termos deportivos en modalidades e especialidades oficialmente recoñecidas, de forma que Galicia conta xa con 61 e máis de 300, respectivamente, unha oferta que se ve reflectida nas instalacións e equipamentos públicos.

Neste ámbito, Lete Lasa fixo un relatorio dalgún dos investimentos públicos máis relevantes do ano, entre os que se atopan as obras de eficiencia enerxética no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con 2,3 millóns de euros e a renovación da súa pista de atletismo con 0,4 millóns de euros; a reforma e mellora do estadio Anxo Carro de Lugo con 3,6 millóns de euros; a reparación e mellora do pavillón polideportivo de Elviña II na Coruña -cun orzamento base de mais dun millón de euros e que se atopa en plena licitación-, ou a próxima licitación do servizo de redacción do proxecto de interese autonómico do futuro centro de alto rendemento de Galicia en Pontevedra.

O secretario xeral lembrou tamén que o deporte galego é mais amplo en termos de deporte base, tal e como demostra o programa Xogade que “pechaba a súa edición 2024/25 con 146.622 nenos e nenas mutualizados, o 66% da poboación escolar galega”.

Un deporte máis igualitario

José Ramón Lete Lasa destacou os bos datos do deporte feminino en Galicia,  sen deixar de evidenciar que aínda “persisten desafíos importantes polos que seguir traballando, como continuar medrando nas modalidades con menos prevalencia do deporte feminino, ou no ámbito do teito de cristal nas institucións deportivas galegas”.

En todo caso, e como aspectos positivos, neste 2025 hai máis mulleres practicando deporte federado. Así, das 302.401 licenzas de deportistas, 83.058 son femininas, o que supón un incremento de 2,6 puntos respecto de 2024. Hai tamén máis deportistas galegas de alto nivel, xa que das 1.712 persoas con recoñecemento actualmente vixente, 997 son homes e 715 mulleres, mentres que en 2024 a proporción era de 806 homes e 529 mulleres, o que supón un incremento nos datos femininos superior ao 35%. Así mesmo, hai mais deportistas mulleres no CGTD (84).

Un deporte máis competitivo

“Unicamente atendendo ás categorías absolutas, Galicia chegou a novembro de 2025 a 144 campións de España -38 de deporte adaptado-, e a 37 campións de Europa e do Mundo -5 de deporte adaptado-“, destacou o secretario xeral para o Deporte, quen debullou tamén os investimentos e actuacións públicas levadas a cabo desde o Goberno galego neste ámbito, como as becas aos deportistas ou os plans de patrocinio dos equipos de alto nivel, incluído o especificamente destinado ao deporte feminino.

O secretario xeral quixo facer tamén unha especial mención ás federacións deportivas de Galicia, e á especial colaboración que, un ano mais, teñen coa Secretaria Xeral para o Deporte. Neste exercicio, o investimento directo en federacións ascendeu á 7 millóns de euros, destinados a convenios, eventos deportivos de especial relevancia, Plan Corresponsables, e á convocatoria de equipamentos deportivos.

Publicacións Relacionadas