HomePontevedraO BNG demanda 260 millóns para Vigo nas contas da Xunta do...

O BNG demanda 260 millóns para Vigo nas contas da Xunta do vindeiro ano fronte ao “abandono” do PP

- Anuncio -spot_img

Rexistra unha ampla batería de emendas con alternativas ao problema da vivenda, aos recortes na sanidade, á crise industrial e laboral, á falla de servizos públicos e das políticas culturais e deportivas

A fronte nacionalista esixe que o Goberno galego do PP “deixe de castigar” a maior cidade galega, após rexeitar 621 millóns de investimentos propostos polo Bloque no último lustro

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda 260 millóns de euros de investimentos da Xunta de Galiza para a cidade de Vigo nos orzamentos de 2026. A fronte nacionalista vén de presentar este mércores unha ampla batería de emendas parciais ao proxecto de contas do Goberno de Rueda, que cualifican de “pólvora mollada por desatender un ano máis as necesidades da maior cidade galega”.

Así o defenderon en rolda de prensa o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, xunto coas deputadas e o deputado no Parlamento galego Alexandra Fernández, Carmela González e Brais Rúanova, asegurando que as emendas do Bloque buscan poñer fin ao “abandono e castigo” da Xunta con alternativas ao “grave problema” da vivenda, aos recortes na sanidade, á crise industrial e laboral, á falla de servizos públicos e das políticas culturais e deportivas.

“Propostas concretas e en positivo que amosan que si hai alternativa ao PP o proxecto transformador do BNG co que queremos facer de Vigo o motor dunha nova Galiza”, afirmou Igrexas. “Os orzamentos para 2026 volven demostrar que o Goberno de Rueda non ten nada, absolutamente nada, que lle ofrecer á cidade de Vigo”, valorou, afeando que o PP “continúe sen entender que as case 300 mil viguesas e vigueses somos 300 mil galegas e galegos con dereitos e con necesidades que a Xunta pode e debe atender”.

A ese respecto, o portavoz municipal criticou que “o rodete absolutista de Feixóo e agora de Rueda” teña tombado no último lustro investimentos por valor de 621 millóns de euros na cidade, votando en contra de todas as emendas formuladas polo BNG. Dende a fronte nacionalista acusaron nese sentido o Goberno de Rueda de volver a presentar as mesmas “promesas sempre incumpridas” para Vigo nuns orzamentos que o PP destina en gran medida ao gasto en débeda mentres “desmantela os servizos públicos en favor de empresas privadas” e que non dan resposta ás principais preocupacións da cidadanía.

Rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro e absorción de Povisa

Un dos eixos principais das emendas nacionalistas buscan “reverter as nefastas políticas de recortes e privatizacións coas que o PP insiste en demoler a sanidade pública”. Nese obxectivo, as propostas do Bloque reclaman 79 millóns máis para o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, a absorción de Povisa na rede sanitaria pública, reforzar os recursos para radioterapia, ampliar a unidade de hospitalización de saúde mental infanto-xuvenil e crear dous novos Puntos de Atención Continuada (PAC) en Navia-Coia e Teis. Aliás, demandan unha dotación de persoal propio para o CIS Olimpia Valencia, cuxa apertura está prevista para o vindeiro ano sen persoal propio.

Enfrontar a crise industrial

Dende o BNG trasladaron nas súas propostas o seu “compromiso innegábel diante da “grave crise produtiva e laboral” na cidade, que perdeu o 25% do emprego industrial nos últimos 16 anos, segundo os datos da EPA. Para ese fin, reclaman máis de 120 millóns de euros para “situar a cidade como motor económico galego”. As partidas van destinadas a impulsar a competividade da automoción ante as “incertezas” no sector, xunto cun Plan Comarcal de Reindustrialización, un Centro de Reparacións Navais e a posta en marcha dun Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico.

Vivenda pública

Dende a fronte nacionalista puxeron en cuestión a “propaganda” do Goberno galego do PP en relación ao problema da vivenda e da emerxencia habitacional na cidade, lembrando que o investimento nestes orzamentos continúa a ser inferior ao do ano 2009. Diante disto, o Bloque demanda recursos por importe de 35 millóns de euros adicionais para despregar diferentes programas de vivenda pública, e para aumentar as achegas ao Consorcio do Casco Vello, para dar resposta ás máis de 7.000 viguesas e vigueses rexistradas como demandantes de vivenda protexida e ao resto da veciñanza que padece os elevados prezos dos alugueiros, por riba dos 700 euros de media e cun aumento do 50% na última década.

Máis e mellores servizos públicos

No obxectivo de reforzar e alargar os servizos públicos en Vigo, o BNG defende emendas para ofrecer máis prazas de escolas infantís ou brindar unha maior e mellor atención a persoas maiores, dependentes e á discapacidade, e dotando de máis medios o ensino público. As propostas nacionalistas inclúen a construción dunha residencia de maiores no barrio de Coia, unha rede de pisos asistidos para persoas maiores, crear novas escolas infantís na cidade, mellorar o Punto de Encontro Familiar e dotar de máis recursos para o actual Centro de Información ás Mulleres, creando ademais dous novos CIM. Aliás, piden atender as demandas de entidades como Apamp e Autismo Vigo para contar cun segundo centro residencial na cidade. No caso do ensino, o Bloque chama a incrementar os recursos para a mellora das instalacións e dos equipamentos nos colexios públicos, e a aumentar o financiamento dos comedores escolares de Foanpas.

Infraestruturas pendentes

As emendas da fronte nacionalista demandan tamén atender históricos déficits en infraestruturas por parte do Goberno galego. Nesa materia, destacan os investimentos para prolongar o túnel de Beiramar e para construír o túnel de Xulián Estévez, o acondicionamento do paseo marítimo da ETEA, a mellora dos viais autonómicos en Vigo e  dos accesos ao Ifevi, así como a reforma da antiga estación de buses da Avenida Madrid para destinala a usos sociocomunitarios.

Deporte e cultura

No apartado deportivo, o BNG esixe recursos para facer realidade a pendente reforma das pistas de atletismo de Balaídos e un incremento na dotación para os equipamentos deportivos na cidade. A nivel cultural, reclaman partidas para melloras na rede museística, a ampliación da rede de bibliotecas públicas e a recuperación e posta en valor de patrimonio industrial e nas parroquias, como a conservación dos muíños de Valadares ou da antiga estación de tranvía de Canido. Outra das demandas pendentes, a xuízo da fronte nacionalista, é o proxecto de ampliación para o auditorio da ESADg.

Rexeneración da Ría e recuperación dos montes

A fronte nacionalista aposta tamén por un maior impulso para un Vigo máis verde e habitábel. Nese camiño, apostan nas súas emendas por destinar fondos a rexeneración integral da Ría de Vigo e a mellora das redes de saneamento para a recollida separativa das augas pluviais. Aliás, o BNG pide despregar un plan integral de recuperación dos montes e prevención dos lumes, o prometido anel verde da cidade, lembrando os graves efectos en Galiza dos incendios forestais do pasado verán. 

Publicacións Relacionadas